O PP está preparando un auténtico pucheirazo para as eleccións municipais do vindeiro ano coa súa proposta de que goberne a lista máis votada. O PP quere cambiar a lei en beneficio propio, non en beneficio da democracia nin da cidadanía, senón para blindar e perpetuar no poder aos seus alcaldes con independencia do que a xente vote.
A proposta de verán de Rajoy de elección directa de alcalde, secundada en Galiza por Feijóo e na Mariña por Balseiro, implica a posta en marcha do modelo de alcalde-caudillo e a negación da pluralidade democrática coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas diferentes que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade, porque esa é a base da democracia: o acordo.
O PP quere lograr co BOE o que non consegue coas urnas. Ao PP dóelle que en concellos coma Ribadeo, Mondoñedo ou Riotorto haxa alcaldes nacionalistas que loitan todos os días polo ben dos seus veciños e veciñas, alcaldes do BNG que son un exemplo a seguir na comarca. Iso é o que lle doe ao PP e por iso quere facer trampa cambiando a lei para poder botalos, xa que doutro xeito non é capaz.
O feito de que goberne a lista máis votada non aporta estabilidade, como di o PP, senón que en moitos casos crearía o contrario: inestabilidade e ingobernabilidade. Podemos poñer como exemplo a propia Deputación de Lugo, que, coa proposta do PP, estaría presidida por Elena Candia, pese a non ter no pleno a maioría necesaria para poder gobernar. A lista máis votada pode ser minoría, como sería este caso, xa que só conta con 12 dos 25 deputados provinciais. Con que apoios gobernaría Elena Candia ou con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría no pleno do seu Concello? A cidadanía elixe concelleiros e concelleiras e é o pleno o que elixe ao alcalde ou alcaldesa. Así funciona o sistema democrático nos Concellos, a non ser que o PP pretenda eliminar tamén os concelleiros e concelleiras e as súas funcións.
Os pactos democráticos e lexítimos entre distintas formacións para gobernar as institucións aportan estabilidade e pluralidade e evitan caudillos tipo Cacharro. Porque, se lle preguntaramos aos lucenses ou aos mariñáns e mariñás se prefiren o actual goberno de coalición da Deputación ou o que exerceu o PP durante décadas na institución provincial con Cacharro, cal sería a resposta? Penso que a cidadanía teno claro: o goberno de coalición na Deputación está funcionando ben e as maneiras distan moito das que exercía Cacharro, agora hai transparencia, diálogo, funcionamento democrático. Penso que ninguén pon en dúbida iso.
Por iso, o que o PP propón é un ataque á democracia, reformar a Lei Electoral en beneficio propio, non en beneficio da cidadanía. Faino para seguir no poder, quere cambiar a lei para poder salvar da derrota segura a moitos dos seus alcaldes nas eleccións municipais do vindeiro ano, fai trampa á desesperada para iso, non para beneficiar á xente. É un ataque á democracia municipal no nivel máis próximo á veciñanza.
E é criticable tamén o seguidismo que está a facer desta proposta de Rajoy o presidente da Xunta, o señor Feijóo, ou Feijóo VI O adiantado, porque abriu este camiño de atacar ao pluralismo en Galiza coa proposta de reducir o Parlamento Galego. Feijóo utiliza a crise como coartada para todo tipo de recortes, sociais, de servizos públicos, e tamén recortes na democracia, como a redución de deputados no Parlamento Galego ou esta da elección directa do alcalde da lista máis votada. A intención última do PP é a de eliminar a pluralidade política e camiñar cara un sistema de elección presidencialista. Porque se quixeran reforzar a democracia directa como din, reformarían a Lei Electoral para eliminar o sistema D’Hont que pervirte o sufraxio directo dos cidadáns beneficiando aos dous grandes partidos en detrimento da pluralidade política. Pero non o fan, senón todo o contrario. O PP quere disfrazar de democracia a ditadura que pretenden impoñer.
Antonio Veiga Outeiro, vicepresidente da Deputación de Lugo polo BNG


















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



