Lugo, 26 de agosto de 2014.- A área de Cultura da Deputación de Lugo e a Asociación ecoloxista ADEGA convocan unha nova edición dos concursos de fotografía, relato e curtametraxes Cultura e Territorio. Para participar nestes certames, que xa chegan á súa cuarta edición, poderán presentarse os orixinais até o 1 de novembro.
O delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, explica que o obxectivo destes concursos é “sensibilizar á poboación lucense sobre o grande valor natural, patrimonial e paisaxístico que temos en Galiza, sobre a necesidade de coidar o noso medio ambiente e o noso territorio e facer partícipe á cidadanía nese coidado”. Ao mesmo tempo, esta iniciativa busca que os propios cidadáns se impliquen na denuncia, mediante fotografías ou vídeos, daquelas agresións ao medioambiente e ao patrimonio na provincia de Lugo.
A área de Cultura da Deputación financia estes certames, que se complementan coa celebración a partir do comezo do vindeiro curso escolar no mes de setembro de 15 charlas-obradoiro noutros tantos centros educativos de ensino de primaria da provincia de Lugo co obxectivo de “transmitir estes valores de coidado e respecto ao medio ambiente ás xeracións máis novas”. “O futuro da nosa terra e da nosa cultura está en mans das xeracións agora máis novas, polo que resulta fundamental implicalos dende cativos a través da educación e a divulgación”, defende Mario Outeiro. Os 15 centros de ensino que acollerán estas charlas-obradoiro representan as diferentes realidades naturais e territoriais da provincia de Lugo: A Mariña, a montaña, o rural e o medio urbano.
Reivindicación dunha explotación sustentable do territorio
ADEGA e a Deputación convocan por cuarto ano estes concursos, co gallo de ofrecer de novo á sociedade galega unha oportunidade de retratar o estado actual do noso territorio a través da imaxe e da palabra. Por cuarto ano consecutivo, os certames pretenden facer partícipe a cidadanía galega na reivindicación dunha ordenación territorial sustentábel na que se freen as ansias especulativas sobre o territorio e na que se propoñan alternativas máis coherentes coa defensa ambiental, coa cohesión social e coa posta en valor do noso patrimonio cultural.
Mario Outeiro animou á participación nesta nova edición destes certames, que o ano pasado superaron as expectativas acadando 68 fotografías, 65 relatos e 11 curtametraxes.
IV Concurso “Fotografías polo Territorio”
As fotografías deberán ter como obxecto mostrar os efectos de actividades humanas que supoñen unha agresión ao noso país xa sexa contra o patrimonio, a cultura, a paisaxe ou a identidade territorial. Tamén se poden enviar fotografías que amosen exemplos de posta en valor do territorio.
Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos. Os premios son: 1º Categoría Adulta; Diploma e 200 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 150 euros.
Cada participante poderá presentar como máximo un total de 4 fotografías cos seus datos persoais e a localización xeográfica das imaxes, que poderán ser enviadas a ADEGA a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.info. O prazo para presentar as fotografías remata o día 1 de novembro do 2014.
IV Concurso de relatos “O lugar onde vivo”
Os relatos curtos poderán ser historias fantásticas, feitos reais ou experiencias propias sempre e cando o eixe do relato xire arredor das visións que a poboación galega ten sobre o lugar no que vive; como é, como foi, como quixeramos que fose, a importancia da súa conservación, as agresións sufridas polo mesmo, etc.
Establécense dúas categorías de participación: a xuvenil, ata os 16 anos, e a de adultos/as, para maiores de 16 anos. Os premios son: 1º Categoría Adulta; Diploma e 250 euros. 1º Categoría Xuvenil; Diploma e 200 euros.
Cada participante poderá presentar un máximo de 2 relatos inéditos en lingua galega, que terá que enviar por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas 180, Entrechán, 27002 Lugo) ou a través do e-mail: culturaeterritorio@adega.info. O prazo límite de presentación das obras remata o día 1 de novembro de 2014.
III Concurso de curtametraxes “E ti que é o que ves?”
As curtametraxes de ficción, documentais ou animación deberán dar mostra de exemplos de posta en valor da nosa cultura e territorio e/ou denunciar aquelas actuacións que agreden os mesmos. Cada participante poderá presentar un máximo de 4 creacións audiovisuais, que terá que enviar, en formato DVD, por correo postal ao enderezo de ADEGA-Lugo (Ronda das Fontiñas nº 180 Entrechán, 27002, Lugo). Tamén poderá subir as obras a algunha plataforma de intercambio de arquivos, (tipo Dropbox,….) e enviar a ligazón de descarga ao email: culturaeterritorio@adega.info
Establécese unha única categoría para este concurso e dous premios: 1º Premio; Diploma e 250 euros, 2º Premio; Diploma e 150 euros. O prazo límite de presentación dos traballos remata o día 1 de novembro de 2014.