Ribadeo, 7 de agosto de 2014. Concello e Dirección Xeral de Comercio investirán 65.000 euros no amaño da praza de abastos ribadense. A administración autonómica destina a eses traballos 49.000 euros e o resto serán achega do Concello. O alcalde, Fernando Suárez, que considera que a reforma era moi necesaria, asegura que agora haberá que consensuar cos praceiros as datas máis axeitadas para realizar eses traballos.
O rexedor sinalou que “é unha boa noticia por moitos motivos. Primeiro polo impulso ao comercio de proximidade, sobre todo á hora de vender produtos de calidade, co apoio ao emprendemento que estamos facendo e en especial, co apoio a esta asociación de praceiros da Praza de Abastos de Ribadeo, que axudamos a constituír fai un tempo. O diálogo e o traballo continuo fixeron posible que por fin un proxecto polo que levamos apostado dende hai moito tempo dende o Concello se vaia a facer realidade, grazas ao apoio económico que a Dirección Xeral de Comercio autonómica lle acaba de facer ao Concello de Ribadeo”.
Fernando Suárez explicou que “un proxecto duns 65.000 euros de presuposto vai a ter unha axuda duns 49.000 euros por parte da Dirección Xeral de Comercio, poñendo a diferenza o Concello de Ribadeo, para facer distintos arranxos na estrutura da praza de abastos. Hai que ter en conta que algúns dos seus piares están moi deteriorados co paso do tempo, recordemos que este é un edificio que data dos anos 30 do século XX, e ao mesmo tempo temos que reparar tamén a cuberta que ten moitas filtracións e da problemas dende hai moitos anos”. O alcalde ribadense seguiu a relatar que “tamén hai que facerlle unha reparación estética a través dunha nova pintura exterior que lle dea o realce que merece este edificio que no seu momento foi unha doazón de Ramón González a principios do século XX e que hoxe en día é un dos centros da actividade dos praceiros, de toda a xente que vende froitas, verduras, carne e peixe, que están a facer de Ribadeo un lugar moi atractivo para vir comprar este tipo de produtos. E logo tamén para toda a actividade do Mercado dos Domingos e o tradicional mercado dos mércores que dan moitas actividades a Ribadeo”.
Fernando Suárez Barcia engadiu: “agora tócanos dialogar coa directiva da asociación de praceiros para planificar a execución destas obras que terán que facerse despois do verán, pero que temos que intentar conciliar co seu traballo normal habitual. Seguramente nalgún momento teñamos que pechar a praza, dado que hai algunhas actuacións que así o requerirán. Intentaremos que sexan os menos posibles, pero realmente estas reparacións vanlle vir moi ben a esta praza de abastos que nalgúns puntos estaba dando síntomas de esgotamento e de certa perigosidade. Así que polo tanto, trátase dunha moi boa noticia para o patrimonio de Ribadeo e tamén para o comercio, para o turismo e en definitiva para seguir apostando por este sector servizos que tan ben está funcionando en Ribadeo”.