A Mariña, 6 de agosto de 2014. O colectivo de emigrantes retornados da Mariña denuncia o envío de cartas a emigrantes retornados por parte da administración de Facenda española reclamando o abono da débeda principal, sancións e intereses de demora en datas previas ao acordo do Consello de Ministros do 1 de agosto que condona o pago de sancións e intereses e abre a partir do 1 de xaneiro de 2015 un periodo de regularización voluntaria de seis meses. En concreto denuncia o envío dunha reclamación a un membro do colectivo mariñao con data do 29 de xullo, 2 días antes do acordo do Consello de Ministros español.
Facenda tramita con urxencia reclamacións a emigrantes retornados para evitar que se acollan ao acordo do consello de ministros do 1 de agosto
Para o colectivo mariñao “a facenda española exprime aos colectivos de emigrantes retornados ate o último momento” co envío de cartas reclamando débeda principal, sancións e intereses, a fin de evitar que estas persoas podan acollerse ao período voluntario de regularización aprobado polo Consello de Ministros do pasado 1 de agosto.
En concreto sinalan as recibidas por un matrimonio pertencente ao colectivo con residencia en Xove que recibiu esta misiva de facenda o pasado 29 de xullo reclamándolle o abono de 632 e 2.722 euros correspondentes aos exercizos fiscais 2010 e 2011, sancións e intereses aparte. “Temos a seguridade de que estas reclamacións están sendo masivas polo que a pesar da satisfacción por ter ganado unha parte da batalla ao forzar este período de regularización, a parálise das sancións e a súa devolución e o recoñecemento dunha mala información por parte de facenda, aínda queda moito por facer”. Neste sentido, convida a aquelas persoas que recibiran estas notificacións de facenda nos últimos días a que se poñan en contacto co colectivo.
A presión dos colectivos de retornados deu froitos mais aínda queda moito por facer
O colectivo destaca que o acordo do consello de ministros do 1 de agosto ven a recoñecer algunha das principais demandas dos e das emigrantes no sentido de que foron mal informados, na apertura dun período de regularización ou na paralización e mesmo devolución de sanción e intereses. Con todo, segue pendente a modificación lexislativa para evitar o trato inxusto da lei 35/2006 que discrimina a declaración entre aquelas persoas que perciben unha ou varias pagas independentemente da súa contía.
No anuncio feito público polo Consello de Ministros do 1 de agosto acórdase abrir a partir de xaneiro de 2015 un período de seis meses para a regularización voluntaria de débedas tributarias que inclúe a condonación de intereses sancións, tanto a afectados pendentes de pago como a aqueles que xa efectuaron pagos voluntariamente.