Lugo, 20 de agosto de 2014.- A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, avanzou este mércores que máis dun milleiro de veciños fixeron as súas propostas ós orzamentos participativos do organismo provincial para 2015 durante as xuntanzas participativas que tiveron lugar nos 9 partidos xudiciais: Fonsagrada, Viveiro, Chantada, Vilalba, Sarria, Monforte, Becerreá, Mondoñedo e Lugo. Houbo representantes de máis de 500 colectivos veciñais da provincia, así como cidadáns a título individual. Os veciños dos 67 Concellos lugueses poden seguir participando ata o 10 de setembro a través do portal www.orzamentosparticipativos.org.
Todas as xuntanzas foron conducidas polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado por García Porto e polo Deputado de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, quen contestaron a todas as propostas e peticións dos veciños na propia asemblea. “A experiencia foi moi satisfactoria e enriquecedora. Vimos que a xente ten un amplo sentido da responsabilidade e aprecia este esforzo de transparencia”, recalcou a Deputada.
A de Lugo, celebrada no Salón de Actos da Deputación, foi a que contou cunha maior afluencia de veciños, ó atraer a unhas 350 persoas, aínda que as 8 restantes xuntanzas tiveron tamén un amplo seguimento, con entre 60 e 160 asistentes.
“De entre as doce áreas que podían valorar –nas que está divido o Goberno provincial- as marcadas maioritariamente como prioritarias foron o fomento de emprego, infraestruturas e políticas sociais”. García Porto destacou que as limitacións da Lei de Montes foi unha das cuestión recurrentes nas xuntanzas, igual que a necesidade de políticas conxuntas para combater o grave despoboamento que sofre a provincia, sobre todo no medio rural; aproveitar o medio ambiente, o sector primario e os produtos autóctonos como xeradores de recursos económicos; potenciar o turismo, a Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago; e dotar ou mellorar infraestruturas sociais, como residencias da terceira idade, e culturais e deportivas, como locais veciñais, pavillóns deportivos, campos de fútbol… As redes de abastecemento e saneamento centraron tamén unha gran parte das intervencións.
Esta iniciativa pioneira entre as Deputacións españolas recibiu os parabéns de numerosos veciños, que, ó mesmo tempo, reclamaron que se profundice e mellore na mesma en vindeiros anos, e que outras administracións tomen exemplo e tamén a fagan súa. Valoraron así mesmo que, coa celebración das xuntanzas, a Deputación reivindicase o mantemento dos partidos xudiciais da provincia.
Cales son os seguintes pasos?
En base ó manifestado polos cidadáns nas xuntazas participativas, no portal web www.orzamentosparticipativos.com e nas redes sociais, durante o mes de setembro unha comisión técnica da Deputación, integrada por traballadores públicos, realizará un informe sobre a viabilidade das propostas, deseñará os plans de actuación, determinará a dispoñibilidade orzamentaria e estudará as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno provincial, entre en vigor o orzamento do 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.
Máis de medio ano de traballo
A Deputacion leva dende finais do ano pasado traballando no orzamento participativo 2015, “un proxecto complicado e longo, posto que non hai precedentes”, destacou García Porto. Só existe unha única experiencia piloto na Deputación de Guipúzcoa, que someteu á participación cidadá unha pequena parte do seu presuposto, 500.000 euros, e nun determinado territorio. Pola súa banda, as Deputacións de Málaga e Barcelona impulsaron presupostos participativos en Concellos das súas provincias, pero non fixeron participativo o seu propio orzamento. “Polo tanto, a de Lugo é a primeira Deputación en España que somete á participación cidadá e a debate a totalidade do seu presuposto”, remarcou.
Dende finais do ano pasado, o organismo provincial avanzou neste proxecto totalmente novidoso, facendo investigacións e avaliacións para garantir a súa viabilidade e legalidade xurídica. A Deputada explicou que “mantivemos conversas con institucións como a Deputación de Guipúzcoa, que levou a cabo dito proxecto piloto; coa Xunta de Andalucía, posto que é a Comunidade Autónoma de España na que máis municipios incorporaron presupostos participativos; así como cos Concellos de Sevilla, Málaga ou Córdoba, onde houbo algunha experiencia”. Ademais, consultou este proceso con destacados expertos como Fernando Pindado, que foi subdirector xeral de Participación Cidadá da Generalitat de Cataluña e impulsou varias experiencias neste eido a nivel autonómico, estando no Goberno José Montilla; Antonio Carrillo Cano, que colaborou na elaboración da Lei de Participación Cidadá da Xunta de Andalucía; Francisco Francés, profesor da Universidade de Alicante e un dos autores do libro máis completo e actual sobre presupostos participativos en España: El círculo virtuoso de la democracia: los presupuestos participativos a debate; así como con outros profesionais da plataforma presupuestosparticipativos.com ou da consultora galega Cidadanía. Da mesma forma, “acadamos a colaboración da Confederación Galega de Asociacións de Veciños (COGAVE) e enviamos cartas e mailings a todos os colectivos da provincia, na procura da máxima participación cidadá no noso proxecto”.




















Durante esas xornadas realizaranse estudos xeotécnicos imprescindibles para planificar correctamente as actuacións previstas, o que require que a maquinaria e o persoal traballen directamente sobre a infraestrutura, impedindo o paso de vehículos. Recoméndase ás persoas usuarias empregar rutas alternativas durante o corte, que só permitirá o acceso ás dúas vivendas situadas na Barxa. O Concello pide desculpas polas molestias e agradece a colaboración da veciñanza.
Afirman que os accesos ao Campo da Festa resultan moi dificultosos, especialmente para persoas con carriños de nenos ou cadeiras de rodas. Critican que a obra se trasladase a esta zona xusto antes das festas, deixando outros tramos a medio facer e sen ter en conta as necesidades dun barrio que consideran “marxinado”. Sinalan tamén á alcaldesa como responsable de evitar esta situación. A veciñanza esixe un arranxo inmediato do acceso, aínda que sexa provisional, e a instalación dunha sinal luminosa na alambrada situada ao final da obra.
A actividade, dirixida pola especialista Nuria Torrado, ofreceu ás crianzas un espazo para desfrutar, moverse, xogar e aprender a conectar co seu corpo e coa respiración mediante exercicios e dinámicas adaptadas ás súas idades. No último día, a rexedora Dolores García Caramés achegouse para compartir un anaco cos participantes, escoitar as súas impresións e agradecer o traballo da monitora, incluso sumándose a algunhas das actividades. A proposta pecha cun moi bo sabor de boca, como unha experiencia para aprender, divertirse e medrar en movemento.
Ao longo destas semanas, arredor de 20 nenos e nenas iniciáronse e melloraron as súas habilidades neste deporte, desfrutando do exercicio, aprendendo e pasándoo en grande. O Concello agradece a participación da rapazada e o apoio das familias, e reafirma a súa aposta polo deporte e por ofrecer alternativas de ocio activo para os máis pequenos. A actividade estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil.
A actuación estará a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo coa colaboración do Coro Sagrado Corazón. A entrada solidaria ten un prezo de 6 euros e poderá adquirirse na billeteira do teatro o mesmo día, en horario de 12:00 a 13:30 e desde as 19:00 horas. O evento conta coa colaboración da AECC Lugo, o Concello de Ribadeo e o espazo cultural Castillo San Damian.
Trátase dun espazo seguro, educativo e dinámico, no que os máis pequenos poden comezar o día antes da entrada ás aulas. As solicitudes poden presentarse no Concello de Cervo ou na Casa da Cultura, e o servizo comezará o 9 de setembro. Cervo Madruga, un programa pensado para seguir apoiando ás familias do municipio.
A festa, organizada pola Asociación Alameda co apoio do Concello de El Franco, inclúe unha mesa redonda o venres 28 en El Fornello e, xa o sábado, un taller de baile infantil ás 21:00 h seguido das actuacións de El Cabazo, Herbamora, Dervish, Felpeyu e Ochobre. El Franco destaca o valor desta tradición e anima a veciños e visitantes a participar nun evento que leva máis de catro décadas celebrando música, baile e patrimonio cultural.



