José Ramón Soto.- Cada administración ten as súas obrigas, competencias e responsabilidades, e ten que asumilas e cumprilas. Non hai escusas. Esas competencias están baseadas en leis, normativas, regras…papeis que establecen que tipo de actuacións ten que facer cada administración.
A Deputación comezou no 2004 a construír os accesos ao polígono de Cuíña. Expropiou boa parte das parcelas necesarias e iniciou a explanación dos terreos, construíu unha ponte e proxectou a seguinte fase. Polo tanto, na actualidade todos eses terreos son de titularidade provincial, e forman parte das propiedades da Deputación. Ademais, a vía principal do polígono de Cuíña, a que percorre todo o parque, é tamén da Deputación. Desta maneira, queda moi claro a quen lle corresponde finalizar estes accesos.
Pero, que fixo o actual Goberno Provincial polos accesos ao polígono de Cuíña? Poñer escusas para non rematalos. Cada día atopa unha nova escapatoria para non asumir o seu deber de proporcionar servizos que beneficien aos veciños de Cervo. Pero o último argumento xa resulta preocupante: O PSOE quere que sexa o Concello e, polo tanto, os veciños de Cervo en exclusiva, os que paguen os accesos ao polígono. Resulta imposible de entender como o PSOE de Cervo prefire quitarlle cartos aos seus veciños antes que traballar para que o Goberno Provincial faga fronte ás súas obrigas.
A falta de vontade e de interese desta administración por construír os accesos é inquietante. E mentres a Deputación continúa impasible, os veciños sofren problemas de inseguridade viaria, xa que decenas de camións de grandes dimensións circulan todos os días polo centro de San Ciprián, por diante de edificios como o centro de saúde, o instituto de secundaria ou o pavillón da Veiga.
E mentres a Deputación se escusa, Cervo perde, os veciños perden, e os camións se perden buscando o polígono.
E mentres a Deputación se escusa, as oportunidades do polígono para seguir crecendo, ser máis accesible, atraer máis actividade e xerar máis riqueza seguen caendo en saco roto.
José Ramón Soto, concelleiro de Cervo.