Santiago, 13 de setembro de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria non entede os anuncios de manifestación feitos pola comunidade educativa do IES Alfoz-Valadouro e as súas queixas pola súa dotación de profesorado, cando é sabido que o centro conta cos docentes suficientes e capacitados para impartir todas as materias. De feito, e dado que o IES Alfoz-Valadouro conta con 14 profesores no seu cadro de persoal para os 64 estudantes do centro, os informes da Inspección non consideran necesario facer modificación algunha no plantel.
Neste sentido cómpre sinalar que cada docente do instituto imparte unha media de 12 períodos lectivos semanais, cando pode impartir ata 20.
Segundo o informe elaborado pola inspectora do centro, os resultados académicos do alumnado tanto no propio IES como cando cursan o bacharelato en centros diferentes entran dentro da normalidade, e non indican que as rapazas e rapazas presenten déficit algún na docencia recibida. De feito a incorporación ao plantel do centro dun profesor especialista en matemáticas non se reflicte nunha mellora dos resultados.
Neste sentido, a Consellería lamenta a politización que se está a facer deste asunto, máis tendo en conta que o propio conselleiro, Xesús Vázquez Abad, o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, e mais o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, explicaron en persoa aos alcaldes de ambos os municipios e á comunidade educativa cal era a situación real do centro.