Lugo, 12 de setembro de 2014. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, inaugurou este venres a exposición Barriga Verde, de feira en feira na sala de exposicións Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo). Participaron tamén no acto Anxo García, presidente da Asociación Cultural Morreu o Demo, Comba Campoy, secretaria da Asociación Cultural Morreu o Demo e comisaria da exposición, e Alfonso Silvent, representante dos prestadores das pezas orixinais de Barriga Verde.
Esta exposición pretende mergullar os visitantes no fantástico mundo no que naceu Barriga Verde, o último monicreque popular galego. Ao longo das súas salas proponse un percorrido polo mundo no que se desenvolveu este espectáculo, o das feiras tradicionais, acontecemento festivo por excelencia en Galicia até a década de 1960. Así mesmo, condúcenos polas bambalinas da barraca para coñecer os segredos dos titereiros que fixeron posible a maxia destes títeres até a súa desaparición, case ao mesmo tempo que aquelas feiras que aínda lembran os nosos maiores, de cando o cinema e a televisión aínda non eran as principais fábricas de soños.
O último representante desta tradición en Galicia foi Barriga Verde, boneco e marionetista a un tempo, cuxa memoria permanece aínda indeleble en moitas e moitos lucenses que acudían á súa cita fiel co San Froilán. Esta exposición, encadrada no Proxecto Barriga Verde da Asociación Cultural Morreu o Demo, pretende rescatar o heroe galego de cachaporra do seu inxusto ostracismo, e vai permanecer aberta ao público ata o 15 de outubro
Programación complementaria
No período que vai permanecer aberta a mostra ao público, vanse desenvolver diversas actividades, ben na propia sala onde se exhibe, ou no salón de actos da Deputación.
-Obradoiro de construción e manexo de títeres.
Será o 17 de setembro, a partir das 17 h., na propia sala de exposicións. Para un máximo de 25 nenos e nenas entre 6 e 14 anos.
-Presentación das obras, o libro-DVD “Morreu o demo, acabouse a peseta” e “José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde”
O 18 de setembro, ás 20:00 h., na propia sala de exposicións.
-Proxección do documental Morreu o Demo,acabouse a peseta (78’) dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual
O 30 de setembro, ás 20.00 h., no salón de actos da Deputación de Lugo.
A entrada é de balde para todos estes actos e actividades.