Burela, 22 de setembro de 2014. O Concello de Burela aposta polas actividades culturais destinadas fundamentalmente ao público infantil de cara ao outono que agora comeza.
O alcalde, José María González Barcia, e a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, presentaron hoxe a programación cultural Outono 2014, que terá lugar todos os sábados de outubro e de novembro (agás o primeiro de novembro) ás cinco e media da tarde, e o primeiro venres de decembro ás nove da noite. Serán nove espectáculos aos que poderá asistir o público infantil burelés e o non tan infantil.
Mónica Pedre explicou que “haberá desde monicreques ata música, pasando pola maxia, e para poder levalos a cabo o Concello conta coa colaboración da Xunta e da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial”.
A edil responsable de Cultura manifestou que “este goberno municipal segue apostando pola Cultura, en momentos económicos que non son os mellores precisamente. Pero facémolo desde distintos ámbitos, organizando estas actividades para os vindeiros meses de outono; subvencionando ás asociacións, cousa que non pasaba co bipartito; ou potenciando a Escola Municipal de Música”.
Pedre animou a asistir ás actuacións previstas: “son actuacións de calidade, que chegan ao público, e que pretende introducir no mundo da cultura, a través da música, do teatro e da maxia, a toda a xente en xeral pero especial e fundamentalmente á poboación infantil”.