Os próximos días 12 e 14 de setembro, terá lugar en Celeiro e Ribadeo, respectivamente, unhas xornadas e exercicios prácticos sobre como actuar ante posibles accidentes en buceo (en especial, os accidentes disbáricos).
O buceo deportivo é unha actividade que nos últimos anos ten unha maior presenza na Costa da Mariña de Lugo, por todo iso, o Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo (Escola de buceo) situado no RCN de Ribadeo, organizou conxuntamente coa Delegación de Pesca de Celeiro (Garda Costas de Galicia, Pesca II), Capitanía Marítima de Burela (Centro de Salvamento Marítimo), Garda Civil do Mar, 112 SOS-Galicia (Central de urxencias 112 e GES Cervo) e 061 unha xornada teórico práctica o día 12 de setembro, no salón de actos da Delegación de Pesca, sobre Accidentes Disbáricos, destinada a Costa Lugo e persoal do servizo de urxencias do GES de Cervo, abordarán os protocolos de actuación ante os mesmos, do mesmo xeito que o uso neste tipo de accidentes da osixenoterapia, SVB-DESA, traslado en medios terrestres, acuáticos e aéreos, na que os participantes realizarán exercicios prácticos e actualizacións de protocolos.
O día 14 de setembro, terá lugar nas inmediacións de Illa Pancha en Ribadeo, o primeiro simulacro destas características que se celebra en Galicia, no que un grupo de 10 buceadores pertencentes ao CAS Costa de Lugo, simularán varios accidentes relacionados con esta actividade, que serán informados ao centro de urxencias 112, que activará aos distintos servizos de urxencia, que terán coñecemento do mesmo, en tempo real, e deberán actuar en función dos seus propios protocolos, e en coordinación co resto de intervintes.