Burela, 8 de setembro de 2014. O alcalde de Burela, José María González Barcia, acompañou este luns ao conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez, na súa visita ás obras de renovación da cuberta do CEIP Vista Alegre, que no seu día foron solicitadas polo Concello e polo centro, e que o conselleiro asumiu de forma inmediata, o que supón que se estean executando cun investimento duns 120.000 euros.
González Barcia agradeceu á Xunta que preside Alberto Núñez Feijóo, na persoa do seu conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, a rapidez para atender o problema que no seu día se plantexou. O alcalde burelés considera que “aínda que as obras eran necesarias, facía falta cun compromiso político, e ese compromiso deuse desde o primeiro momento”.
Barcia afirmou que “o compromiso do PP, da Xunta, e do noso goberno municipal coa educación está máis ca demostrado, xa que ademais destas obras que acomete a Xunta o goberno municipal procedeu a reformar absolutamente a pista descuberta do CEIP Virxe do Carme; fixemos actuacións de mantemento durante o verán nos dous centros, manteremos as coidadoras de comedor para o curso que agora comeza, e manteremos as actividades extraescolares polas tardes para conciliar a vida laboral e familiar”.
O alcalde tamén anunciou que “nos vindeiros días seguiremos dando pasos en materia de mellora das instalacións educativas do noso concello, porque nos interesa que os nenos e nenas de Burela conten cunhas instalación axeitadas e en boas condicións de uso”.