Cervo, 10 de setembro de 2014- Un novo caso de inseguridade viaria produciuse este mércores causado pola ausencia de accesos directos ao polígono industrial de Cuíña que ten que rematar a Deputación de Lugo. Unha vez máis, un camión de grande tonelaxe que buscaba a entrada ao parque empresarial tivo problemas para circular.
Neste caso o camión elixiu a estrada que vai dende a rotonda de Viladesuso cara Espiñerido e Cuíña, unha vía que non é axeitada para un camión desas dimensións e características e que, ademais, conta cunha ponte moi estreita pola que non caben estes tipo de vehículos. Dáse a circunstancia de que o camión quedou atrapado nas obras de construción do gasoduto de Alcoa que estes días afectan a esa estrada.
O edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto, explica que “esta situación de risco é habitual. Todas as semanas hai algún camión que sufre a falta de accesos directos ao polígono de Cuíña”. Unha carencia de infraestruturas que o Concello leva tempo denunciando e enviando escritos á Deputación, a administración que ten as competencias e a titularidade dos terreos.
Uns documentos nos que o Concello ten informado do “perigo” que se vive nas diferentes estradas polas que circulan os camións a falta deses accesos, como é o caso das rúas de San Ciprián. “Camións de grande tonelaxe pasan todos os días por diante do instituto de secundaria, do centro de saúde ou do pavillón de deportes”, asegura Soto.
Sen esquecer todos os casos de camións que, ben por descoñecemento ou ben guiados por sistemas de localización, se perden buscando o polígono e incluso chegan a vivir situacións de risco, como foi o caso do camión que envorcou hai pouco máis dun mes, cuxo condutor resultou ferido e tivo que ser hospitalizado.