O entorno da praia da Marosa en Burela acollerá este venres e sábado o Festival Osa do Mar, unha iniciativa da asociación cultural Fanto Fantini en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo que reunirá a 23 grupos do panorama pop-rock galego e de fóra de Galiza. Na presentación esta mañá do Festival na Deputación de Lugo, o seu vicepresidente, o nacionalista Antonio Veiga, destacou que “toda a mocidade da Mariña está implicada neste festival que pretende transmitir unha idea novidosa e moderna dunha comarca que ten moito futuro”.
O Festival Osa do Mar, colle o seu nome dun xogo de palabras do lugar onde se vai celebrar, a praia da Marosa en Burela. Esta iniciativa, “que nace para quedarse”, afirmou Antonio Veiga, busca ofrecer “unha fin de semana de festa fin de vrao completa”, con boa música alternativa e underground galega como fío condutor mais ofrecendo outras actividades deportivas e culturais de interese, como un campionato de surf, exhibicións de graffitis, ruta en bicicleta de montaña, campionato BMX ou actividades infantís.
Antonio Veiga afirmou que se trata “dun dos maiores festivais de música alternativa dos que se organizan na provincia de Lugo” e destacou que se “complementa moi ben en canto a estilos con outros existentes como o FIV de Vilalba ou o Resurrection Fest de Viveiro”. Loubou ademais o feito de que se celebre no mes de setembro “porque deste xeito ademais dunha iniciativa alternativa e rompedora para a mocidade axuda a dinamizar a economía a comarca e atrae turismo á Mariña no mes de setembro”, indicou o vicepresidente da institución provincial.
Reivindicar que A Mariña está viva
Precisamente un dos obxectivos do Festival Osa do Mar é “reivindicar que A Mariña de Lugo está viva e en movemento, que somos capaces de organizar eventos culturais diferentes e que hai espazo e oportunidade para dar unha imaxe dinámica e moderna dunha zona con un potencial enorme en todos os sensos”, destacou Marcos Reimunde, un dos organizadores.
Xunto a Diego Campo e a Adrián Canoura explicaron que Osa do Mar pretende ser un “escaparate para os grupos de música alternativa que hai en Galiza” e “ofrecer ao público da Mariña a posibilidade de escoitar un estilo de música para o que non existía ningún tipo de festival”.
23 grupos en 2 días de festival
O recinto do festival, na praia da Marosa, acollerá a 23 grupos entre os dous días (10 o venres pola noite, 3 na sesión vermú do sábado e outros 10 o sábado pola noite) de estilos que van dende o rock, ao pop, indie, ou DJ’s e procedentes da Mariña, do resto de Galiza e tamén de Asturias e o Bierzo. Entre eles hai nomes como Daniella Holland, Skholma, Los Septiembre, Sunday Morning Club, Ataque Escampe, Hama Prince, Moondogs Blues Party, Acid Mess, The Glockenwise, The Brosas, Músculo, Dj Chente, Elementary, Rockatansky Brothers, Remakers, Disco Episcopal, Batuko Tabanka, Grampoder, Santa Rita, Kilimanjaro, Das Kapital, Triángulo de Amor Bizarro, Cró, Guerrera, Unicornibot ou Orquesta Metamovida.
A entrada para asistir ao festival é de 10 euros para os 2 días en venta anticipada e 14 en taquilla e 6 en anticipada e 8 en taquilla se é só para un día. “Tentamos que o prezo non fora unha disculpa para non vir ao festival”, explicaron os organizadores, que agardan unha afluencia dunhas 1.000 persoas, chegadas de toda Galiza e de comunidades limítrofes. Toda a información do festival e a venda de entradas está en www.osadomar.com.
Actividades complementarias
Ao longo dos dous días de festival, ademais de música haberá outras actividades nesta “festa de fin de vrao na Mariña”, como campionato BMX, campionato de Surf, Ruta BTT, exhibición de graffiti, ou obradoiro de construción de instrumentos musicais con material de refugallo.
O recinto do festival tamén contará con zonas de exposición, zonas de comida e de acampada. Haberá transporte de ida e volta dende Burela ata a praia da Marosa e diversos hoteis da localidade fan prezos especiais para quen queira quedar a durmir.