A Deputación súmase ao rosa no Día Internacional de Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o vindeiro domingo 19 de outubro. A institución provincial iluminará, un ano máis, a súa fachada durante toda a fin de semana coa característica cor rosa que simboliza a loita contra unha enfermidade que ten unha incidencia anual en España de máis de 22.000 casos, un 28% dos casos de tumores femininos, segundo datos da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participará nos actos conmemorativos organizados para a xornada do domingo, en concreto na construción dun lazo de flores na zona da Mosqueira. Nas inmediacións, ducias de voluntarios da AECC informarán sobre o labor que esta asociación leva a cabo dende hai máis de 50 anos, así como doutras cuestións de interese relativas a esta doenza. Este colectivo realizará outra mesa informativa o día 20 na entreda principal do HULA.
Así mesmo, a Deputación acollerá o vindeiro xoves 23 de outubro unha mesa rendonda e a presentación do libro Un bulto en la mama. Tú eliges como abordarlo, de Teresa Ferreiro. A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, estará presente nesta mesa xunto ao facultativo Salvador Ramos, director médico do Balneario de Guitiriz; a enfermeira da Unidade de Mama do HULA Sofía Márquez e a propia Teresa Ferreiro, para facer unha aproximación responsable ao cancro.