Barreiros, 30 de outubro de 2014. O vindeiro luns, 3 de novembro, dan comezo os talleres e actividades lúdicas para a terceira idade, que organiza o departamento de Servizos Sociais do Concello.
“Con estes obradoiros preténdese favorecer o proceso de envellecemento, coñecendo as súas causas, as consecuencias e os recursos dispoñibles para palialo, potenciando as relacións entre os veciños e veciñas do concello”, explican desde o Concello.
As actividades están destinadas a maiores de 65 anos, xubilados maiores de 60 anos ou persoas con discapacidade, que se consideren idóneas para participar nas mesmas. Desenvolveranse de luns a xoves de 16 a 18 horas no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro.
As persoas interesadas en recibir máis información ou para anotarse poden acudir ao centro sociocultural no horario no que se imparten os talleres e actividades.