Santiago de Compostela, 29 de outubro de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou á conselleira de Pesca de “enganar ao sector do xeito” para “salvar a cara” fronte ao seu desleixo diante da prohibición desta arte pola UE a partir de xaneiro de 2015. No debate dunha pregunta oral no Pleno do Parlamento, o responsable socialista lembrou que o goberno non fixo “ningunha xestión” para levantar o veto.
Val apelou á resposta da Comisión de Pesca da UE, que confirmou que nin o goberno galego nin o Ministerio de Pesca nin a Federación Galega de Confrarías presentaran ningunha alegación á dita prohibición no prazo habilitado, entre xaneiro e marzo de 2014. Acusou á conselleira de “enganar ao sector para tentar unicamente de salvar a cara” da súa “incompetencia”.
O responsable socialista reclamoulle que se dirixa á Comisión Europea para que exclúa a esta modalidade de pesca “selectiva, centenaria e fráxil” dunha prohibición pensada para protexer ás especies prexudicadas polas redes de deriva. Lembrou que o “xeito” non atrapa outras especies porque se recolle a man en saídas de apenas dúas horas, polo que se atopa “moi afastada das pretensións da UE”.
Ademais, reclamoulle que se poña en contacto co director xeral de Pesca do goberno central para que lle permita a pesca da sardiña á flota do xeito, unha arte de pesca que “da noite para a mañá viu cómo o goberno, no mes de setembro, o deixaba fora”.
O responsable socialista advertiu que esta prohibición ten situado “na vía do exterminio” a unha modalidade de pesca artesanal centenaria, totalmente respectuosa co medio ambiente, da que viven actualmente preto de 500 embarcacións principalmente de Rianxo pero “tamén de Cabo de Cruz, Vilaxoán, Cambados, a Pobra ou A Illa”.