A Mariña, 17 de novembro de 2014.- A CIG-Ensino, diante das eleccións sindicais que se celebrarán o día 4 de decembro, presenta a súa candidatura na Mariña como garantía da defensa do ensino público e da dignificación do labor docente.
A candidatura provincial da CIG-Ensino está formada por 186 docentes dos que 47 son da Mariña. Na candidatura están representados practicamente a totalidade dos centros de ensino da comarca e conformadas por profesorado de todos os niveis educativos, ensinanzas non universitarias e diferentes situacións administrativas. Por ese mesmo motivo, é unha candidatura altamente representativa.
Balance altamente positivo
O balance que podemos facer destes catro anos é positivo en canto que foi a CIG o contrapeso fronte os ataques e recortes permanentes aos que o profesorado e o ensino público foron sometidos por parte da Consellaría de Educación. A CIG-Ensino levou a cabo nove folgas e compaxinou peches, concentracións, manifestacións con manifestos, recollida de sinaturas ou resolucións de claustros e consellos escolares. Neste tempo, a CIG-Ensino na Mariña convocou ao redor de 500 asembleas nos centros para informar ao profesorado, recoller as súas propostas e resolver as súas problemáticas tanto individuais ou colectivas.
Durante todos estes anos, a CIG-Ensino denunciou insistentemente a supresión de unidades e a redución drástica de profesorado nos centros que supuxo 83 docentes menos, a falta de especialistas principalmente de AL e PT, o incumprimento dos catálogos dos centros por parte da Consellaría, os agrupamentos de alumnado de diferentes idades que diminúen a calidade educativa, a non cobertura das baixas, a supresión de preescolar na casa ou a supresión de practicamente todas as escolas rurais que existían na comarca.
Outro fronte de batalla da CIG-Ensino foi a LOMCE que se combateu desde todos os ámbitos, ademais de participar, protagonizar, canalizar e dirixir a grande maioría da conflitividade e reivindicación educativa. “Asumimos, case en exclusiva, o traballo informativo e de mobilización nos centros e na sociedade mariñá”, lembrou Dores Fernández Abel.
Ademais, diante da falta de diálogo e de negociación coa Xunta que caracterizou este período, teñen especial relevancia os logros conseguidos vía sentenzas xudiciais gañadas pola CIG-Ensino relativas ao dereito ao recoñecemento médico anual, a ilegalidade dos concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por razón de xénero ou o dereito ao pagamento dos trienios e o recoñecemento dos sexenios do persoal interino. Tamén a CIG logrou que se reparase o dereito do persoal docente a usar o comedor escolar e que se recoñecese o dereito a percibir a parte proporcional devindicada das pagas extras do ano 2012.
Liñas básicas do noso programa
A CIG-Ensino preséntase a estas eleccións sindicais co obxectivo de conseguir outro modelo de representación máis democrático e participativo, continuar na loita contra a LOMCE até conseguir a súa derrogación, combater o desmantelamento do ensino público e acadar restitución de todos os dereitos laborais salariais e profesionais do profesorado.
Neste sentido, algunhas das propostas básicas do programa son a ampliación dos cadros de persoal que garantan especialistas e orientadores en todos os centros, a redución de alumnado por aula (ata un máximo de 15 en educación infantil, 20 en primaria e 25 en bacharelato), a derrogación do decreto de plurilingüismo, a reposición de todas as prazas vacantes, a elección democrática das direccións, a dotación de administrativos e de servizo de comedor en todos os centros ou o restablecemento da gratuidade dos libros de texto e do material didáctico no ensino obrigatorio.
A importancia destas eleccións sindicais
A CIG pídelle ao profesorado da Mariña renovar o voto de confianza que lle deu hai catro anos, que foi dun 43%, para conseguir un ensino público, galego, coeducativo e democrático ao que se lle adique o 7% dos orzamentos anuais da Xunta.
A importancia destas eleccións radica en que non so medirá a representatividade do profesorado senón o grao de rexeitamento da política educativa da Consellaría e do conselleiro Jesús Vázquez. “O voto á CIG-Ensino é un voto contra os ataques ao ensino público da actual Consellaría e un voto a favor de restituír os dereitos do profesorado e facer unha escola normalizada lingüisticamente, máis democrática e cun ensino de maior calidade”, declarou Dores Fernández Abel.