Foz, 20 de novembro de 2014. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, convocou un pleno da corporación municipal extraordinario e urxente para este xoves ás 21.30 horas, sesión na que se abordarán asuntos que deben entrar en vigor neste ano. O rexedor explicou que así o Concello poderá abonar as subvencións para o asilo focense e para a asociación de discapacitados Virxe do Carme.
“A urxencia da convocatoria dun pleno extraordinario hoxe ás 21:30 horas no Concello de Foz é evidente pola importancia dos asuntos, que deben publicarse no Boletín Oficial da Provincia e, despois de pasar un período dende a súa publicación, deben entrar en vigor xa neste ano, para o cal o tempo é bastante xusto. Temos que agradecer, por suposto, á nova interventora e aos técnicos municipais que nestes días dende a súa incorporación fosen capaces de acometer estes temas importantes para o remate do exercicio deste ano. Son importantes para o Concello e tamén para moitas asociacións que dependen da xeración de crédito nos nosos orzamentos para poder dispoñer desas subvencións. Dous casos importantes son unha axuda para o asilo de Foz, de 25.000 euros, e outra, de 7.000 euros, para a asociación de discapacitados Virxe do Carme, de Foz, para poder asegurar o funcionamento destes dous colectivos importantes”, destacou Javier Castiñeira.
O alcalde engadiu que no pleno de hoxe “a petición dos concelleiros non adscritos, irá tamén unha rebaixa con respecto a este ano no IBI, a aplicación do 10 por cento de rebaixa, atendendo as peticións dos ex concelleiros do PSOE, agora non adscritos, que solicitaban esa rebaixa. E despois o uso do remanente de tesourería, que é moi alto neste exercicio, para pagar o total da débeda bancaria que queda neste concello, que son arredor dos 250.000 euros, e para pagar a todos aqueles provedores aos que se lles negou o cobro no anterior recoñecemento extraxudicial e este é o último paso antes de que lles quede soamente a vía xudicial para que poidan cobrar, neste caso facelo con cargo ao remanente e non con cargo aos orzamentos do ano 2014”.
Castiñeira rematou comentando que “son temas importantes nos que confiamos en que a corporación sexa sensible, porque son beneficiosos para todos os veciños de Foz e para dúas asociacións en concreto. Polo tanto estes son os motivos da urxencia”.