Barreiros, 17 de novembro de 2014. O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou este luns en Barreiros as obras realizadas na rúa de acceso ao cuartel da Garda Civil e para as que a administración galega aportou 37.500 euros. Rueda estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e polo alcalde, Alfonso Fuente.
O rexedor explicou que “Alfonso Rueda supervisou a finalización da obra de acondicionamento da rúa de acceso ao cuartel da Garda Civil, ao local de Protección Civil e da brigada de incendios da Xunta. E fixo visita tamén ao local de Protección. Isto enmárcase dentro das subvencións que ven dando Vicepresidencia a través de Administración Local. Para esta obra contamos cunha axuda de 37.500 euros”.
Fuente Parga dixo que “veu acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a través de quen se tramitan os proxectos e creo que neste caso é importante que o vicepresidente da Xunta se interese polos veciños de Barreiros e veña ver as actuacións que se teñen feito”. Para o rexedor “estas obras están moi ben porque lle dan moita vida aos pobos”.
O alcalde barreirense subliñou que “gran parte desta obra se fai sobre un vieiro de titularidade provincial e de feito debería saír dese propio ente, da Deputación Provincial, o arranxo destas vías, porque a verdade é que están en moi mal estado todas as estradas de titularidade provincial, nas que non se inviste nada. E nas que están moi preto do casco urbano ou de vivendas o que estamos facendo é arranxándoas a través de subvencións da Xunta de Galicia ou ben directamente dende o Concello. Non temos por que castigar aos veciños con telas sen arranxar porque o ente provincial o queira así”.
Alfonso Fuente engadiu que “vamos seguir demandando cousas que son boas para o noso concello, como no referido a Protección Civil. Tamén lle trasladei o bo funcionamento do parque de bombeiros, no cal a Xunta de Galicia ten o 50 por cento. E eu creo que tamén hai que dicirlle o que está funcionando ben e o que non está funcionando tan ben e como se pode mellorar. Eu creo que nestas conversas que fai a Xunta cos alcaldes sempre se sacan cousas moi positivas”.