Burela, 5 de novembro do 2014.- Os alumnos do curso de Promoción Turística e Información ó Visitante do Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela, veñen de realizar varias visitas guiadas a diferentes localidades da Mariña coma Burela, Alfoz, Mondoñedo, Ribadeo ou a diferentes puntos do concello de Cervo (diante o Museo do Mar na fotografía).
Trátase de exercicios prácticos nos que eles mesmos exercen como guías turísticos, profesión para a cal se están a perfeccionar, xa que unha boa parte deles xa ten asumido labores vinculadas ó devandito eido no pasado. Agardan que, en breve, as diferentes institucións locais conten con eles para levar a cabo as funcións de información turística na que se están a formar dende comezos do verán.
O venres 31 de outubro tivo lugar a derradeira visita do curso, xa que en poucos días todos eles estarán realizando prácticas en diversas dependencias institucionais da comarca. A peculiaridade da visita a Cervo radicou en que todo o exercicio foi realizado en inglés, xa que este continxente de mariñáns está a prepararse para dar resposta ao turismo actual, cosmopolita e exixente.
Este último desprazamento comezou en San Cibrao, onde visitaron a Punta Atalaia, os xacementos do castro da Atalaia, a capela de San Cibrao, a ponte medieval e o Museo do Mar. Xa en Sargadelos, comezaron visitando o Museo Histórico, os antigos fornos e o Paseo dos Namorados, rematando coa inexcusábel visita á histórica fabrica de cerámica, onde puideron observar o proceso de creación destas pezas de sona internacional.
Lionel Rexes