Cervo, 13 de novembro de 2014- A edil de Servizos Sociais amosouse preocupada polas declaracións do PSOE de Cervo, que asegurou nun comunicado que “son moitas as familias que están atravesando por unha difícil situación”. Armada explica que “os socialistas dan a ver que coñecen moitos casos de persoas con dificultades pero aínda así non dan traslado ao departamento de Servizos Sociais”, o cal sería unha “irresponsabilidade moi grave”. “Tamén podería ser o caso de que estivesen mentindo para crear alarma social e dar unha mala imaxe do municipio, o cal tamén sería preocupante”, engade a edil.
Armada reitera unha vez máis que “os casos de emerxencia social que coñecemos ou que chegan ao departamento de Servizos Sociais son atendidos”. Ademais, o Concello está en contacto constante coas entidades sociais, como Cáritas, e colaborando con elas.
Por iso, para Armada, estas críticas só teñen unha explicación: “Aos socialistas moléstalles que no Concello de Cervo teñamos máis sensibilidade social que outros concellos gobernados polo PSOE, ao igual que non lles gusta que sexamos pioneiros en medidas de fomento do emprego, como as bolsas formativas ou o plan de formación dual”. De todos os xeitos, “o grupo socialista tería que ruborizarse ao falar de emprego, xa que a súa portavoz votou para deixar aos veciños de Cervo fóra do plan de emprego da Deputación”.