A futura Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (METAGA) introducirá mecanismos fiscais de dedución para as transmisións por herdanza ou vendas e doazóns inter vivos. O texto legal recolle que os predios rústicos soltos, se son herdados, poderán contar cunha redución do 99% se son transmitidos a unha explotación agraria cun agricultor profesional ao fronte ou se son incorporados ao Banco de Terras. Antes, esta dedución era de aplicación só para as explotacións agrarias mentres que agora sería de aplicación tamén para as parcelas rústicas.
O mesmo ocorre no caso dunha cesión ou venda inter vivos de xeito que se aplicaría a mesma dedución co mesmo condicionante que no anterior caso. Tamén as transmisións en propiedade ou a cesión temporal de terreos integrantes do Banco de Terras de Galicia contarán cunha dedución na cota tributaria no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, neste caso do 100%.
Esta novidade aparece recollida no texto definitivo do anteproxecto de Lei que aprobou o Consello da Xunta na súa reunión de hoxe. Este novo texto legal representa un salto cualitativo en canto á reestruturación do agro galego, poñendo a terra con vocación agraria en valor e fomentando que se xere riqueza a través da optimización do seu uso.
A nova norma persegue a simplificación e axilización dos procesos de concentración parcelaria ao tempo que persegue unha reestruturación das parcelas agrarias fomentando o seu aproveitamento e a produtividade do terreo. Supón unha concepción máis moderna da mellora das estruturas, orientada a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións e vai máis aló do que supoñía ata o de agora a simple concentración de parcelas.
Partiuse do feito de que coa actual Lei de concentración parcelaria se alonga demasiado no tempo o proceso de agrupación de terreos e se centra esencialmente na diminución do número de parcelas. Por iso se deseñou un texto que fomenta areestruturación dos predios atendendo a criterios de mellora da rendibilidade das explotacións simplificando o procedemento, reducindo o número de fases, mellorando o sistema de entrega e o de tramitación e diminuíndo sensiblemente tanto os custos como os prazos de execución. A nova lei priorizará tamén os aproveitamentos en común e favorecerá, así mesmo, a participación pública no proceso introducindo novas formas de participación como os comités técnicos asesores que coordinarán aos distintos axentes implicados nos procedementos de reestruturación.
Loita contra o abandono
No eido da loita contra o abandono no rural, esta lei vai un paso máis aló e incorpora a maiores a reestruturación parcelaria mediante permutas de predios entre titulares de predios de vocación agraria. Distingue tamén facer as permutas sen cambio na forma das parcelas ou modificando a súa xeometría, de xeito que se incremente a efectividade da transformación e dando como resultado unha mellora na posta en cultivo.
Por outro lado, ademais de promover que os predios de particulares en evidente estado de abandono deban pasar ao Banco de Terras, deban ser alugados ou postos en produción, vaise permitir mobilizar os predios xa concentrados que estean tamén nesta situación. Deste xeito, aqueles interesados na posta en produción dunha destas zonas poderá denuncialo ante a Administración dando pé a poñer en marcha os mecanismos de posta en valor desa terra. De non facelo, exporíanse ás correspondentes sancións recollidas na Lei de mobilidade de terras. Por outra banda, tamén a Xunta poderá actuar de oficio naquelas zonas que detecte en estado de abandono e que teñan evidente interese agrario para a súa posta en produción ou perigo ambiental como é o caso dos incendios forestais.