A Mariña, 4 de novembro de 2014. O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña volveu concentrarse este martes en Foz diante da Delegación da Facenda do Estado e anuncian que van intensificar a presión poñéndolle nomes e apelidos aos responsábeis políticos aquí, en Compostela, en Madrid e na Mariña. Afirman que os alcaldes do Partido Popular aprobaron a regañadentes as mocións de apoio ao colectivo pero despois non fan nada para presionar no seu partido e solucionar o problema, algúns mesmo votan en contra das nosas demandas como fixeron a semana pasada no Parlamento Galego, Vidal Martínez Sierra e José Manuel Balseiro.
Denuncian que a administración estatal de facenda segue remitindo cartas con requirimentos de pago onde se inclúen sancións e intereses, polo que acusan a facenda e ao Partido Popular de ofrecer parches como solucións ao tempo que seguen sangrando as nosas pequenas pensións.
Varios integrantes do colectivo asistentes á concentración rexistraron na Delegación de Facenda escritos dirixidos ao ministro Montoro coas seguintes demandas:
1.- Que non imos consentir que se lle dea unha solución simplemente cosmética ao noso contencioso coa Axencia Tributaria por atopármonos nas vésperas dun ano de importantes envites electorais, e que, pola contra adopten medidas eficaces para que a tributación das nosas pensións sexa xusta e igualitaria.
2.- Congratulámonos de que por fin saiba quen son os verdadeiros defraudadores, que non somos os e as pensionistas retornados. Porén iso non é suficiente e polo tanto trasladámoslle as propostas para que no ámbito da reforma fiscal se adopten decisións para resolver de verdade a nosa problemática.
3.- Os e as emigrantes retornadas non renunciaremos a que se modifique a lei 35/2006 para que as pensións das persoas retornadas tributen igual que a do resto dos galegos:
· Elaboración dun informe no que se poña de manifesto como por idénticas cantidades tributan máis que outros pensionistas.
· Que no paquete de modificacións legais se inclúan as modificacións na lei 35/2006 necesarias para garantir un trato igualitario. Concretamente o artigo 96 en relación co 17, de tal forma que se estableza a obriga de declarar a partir de 22.000 euros ano de ingresos e que para os restantes se estableza un réxime de retencións idéntico ao do resto dos e das pensionistas.
· Que tendo en conta que moitos emigrantes retornados para teren dereito á prestación sanitaria teñen que ou pagar no país de orixe un seguro ou establecer un convenio coa seguridade social española ( arredor de 90 €/mes) que estas cantidades se poidan incluír como gastos deducibles no IRPF, igual que xa ocorre cos gastos de seguridade social dos e das traballadoras.
4.- Hai cambios que para nós son esenciais na proposta de modificación legal remitida ás Cortes Xerais en relación coas pensións dos e das emigrantes retornadas:
· Modificar o texto remitido ás Cortes no sentido de que en ningún caso a obriga de presentar declaración do IRPF se aplique con carácter retroactivo. Polo tanto que o período de regularización só afecte a partir deste ano.
· Aclaración sobre como se vai realizar a devolución ás persoas que xa foron requiridas e que aboaron sancións e intereses: trámites a realizar. Do mesmo xeito que nos sancionaron e ameazaron con embargos de oficio, tamén de oficio deberán devolvernos os nosos cartos.
5.- E finalmente tamén lle fixemos ver que existen importantes lagoas na actuación da Axencia Tributaria que poden dar lugar a un trato discriminatorio aos emigrantes retornados e mesmo provocar que se vexan obrigados a tributar sen teren que facelo. Nalgúns casos incorrendo mesmo na dobre imposición que está explicitamente excluída nos convenios internacionais asinados polo Estado español. Nese sentido solicitamos:
· Informar a todas as persoas afectadas e que se indique quen ten obriga de incluír as pensións na declaración tendo en conta: país de procedencia das pensións, as sentenzas existentes, as resolucións do Tribunal Económico Administrativo e os cambios dos últimos anos nos diferentes convenios bilaterais.
· Solicitar información dos países de procedencia das pensións, sobre todo Suíza, para verificar que prestacións xa están sometidas a gravame no país de orixe para evitar a dobre imposición. (Hai persoas que por determinadas cantidades xa tributan no país de orixe malia o cal a AT lles reclama a súa inclusión na declaración).
· Pensións por incapacidade. Recoñecer de oficio o recoñecemento das invalideces realizadas nos países de procedencia coa finalidade de acreditar a exención na tributación de ditas pensións. (Actualmente hai persoas con incapacidade total no país de orixe, que segundo o INSS é equiparábel á absoluta, que están sendo requiridas pola AT para a súa tributación)
Os e as emigrantes retornadas non abandonaremos as nosas reivindicacións e mobilizacións até conseguir os obxectivos que consideramos de xustiza.
Tampouco deixaremos de sinalar co dedo a aqueles que como Montoro, Rajoy ou Feijóo pretenden só un enxaugue electoralista no canto de resolver o problema da nosa discriminación.
Colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña.






















A convocatoria está fixada para as 19.30 horas no salón de sesións da Casa Consistorial. Un dos puntos da orde do día inclúe a proposta para designar as festividades locais de 2027. Tamén se presentarán dous expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito. Ademais, a corporación someterá a aprobación as actas das sesións celebradas os días 8 e 15 de xullo. A orde do día completarase coa parte de control, na que se dará conta das resolucións da Alcaldía e se abrirá a quenda de rogos e preguntas.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.
Villares destacou que a Administración autonómica reafirma o seu compromiso con esta cita, adicada a enxalzar a calidade deste produto do mar e a poñer en valor o esforzo dos profesionais do sector. Así mesmo, subliñou a importancia das festas gastronómicas na promoción turística e na dinamización económica da zona.
Este lume comezou o pasado mércores ás 13,35 horas e afectou finalmente unha superficie de 31,5 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, en total, 2 técnicos, 13 axentes, 27 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.
Félix Jorquera pasou polos micrófonos de RadioVoz no Barco Museo Boniteiro Virxe do Carme ao concelleiro de Mar, Ramiro Fernández; á presidenta de Ledicia (entidade organizadora), Rocío Rivera; ao presidente da Fedaración estatal de confraría de pescadores, Basilio Otero; ao xerente de Expomar, José Manuel González; ao membro de Fanto Fantini (entidade organizadora do Festival Osa do Mar), Diego Campo; á pregoeira Paula Jorge Hora; ao cociñeiro Bruno Pena e á alcaldesa e Presidenta da Deputación, Carmela López.



