O VI Vídeo-forum Mulleres no Mundo, que comezou o pasado día 6 coa proxección da película La bicicleta verde de Haifaa Al-Mansour, ten lugar no salón de actos da UNED en horario de 19 a 21 horas. É unha actividade gratuíta na que se están a tramitar créditos de libre configuración para as persoas participantes.
Este xoves 13 de novembro é a quenda da película LA FUENTE DE LAS MUJERES, do director Radu Mihaileanu. A trama desenvólvese nunha pequena localidade de relixión islámica na que existe unha tradición segundo a cal as mulleres deben ir por auga a unha fonte situada nun lugar de difícil acceso. O cumprimento desta tradición esíxelles auténticos sacrificios, ata que a protagonista, Leila, decide porlle fin e esixir aos homes que canalicen a auga até a aldea. Para iso promoverá unha folga que consiste en privar aos homes de relacións sexuais até que cedan aos seus desexos. Pero a loita de Leila será máis longa e máis dura do esperado e acabará por converterse nun desafío á orde establecida.
Todas as sesións do VI Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.
O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.