Burela, 1 de novembro de 2014. A Corporación Municipal de Burela celebrará un pleno extraordinario e urxente o vindeiro luns, 3 de novembro, ás once da mañá, para aprobar dúas modificacións de crédito de cara a abordar actuacións importantes para a vila.
O alcalde, José María González Barcia, afirmou que “no pleno do luns daremos un paso máis para facer os novos vestiarios do campo de fútbol de herba artificial da Marosa, xa que aprobaremos unha modificación de crédito que nos permitirá licitar, adxudicar e comezar as obras neste mesmo ano”. A modificación de crédito que se levará ao pleno é de 43.000 euros.
Barcia manifestou que “no seu día dixemos que íamos facer esta obra, no seu día presentamos o proxecto e reafirmamos o noso compromiso de facela, e o luns daremos o paso decisivo para consignar a partida orzamentaria que nos permitirá levar a cabo o previsto para este ano”.
O alcalde tamén dixo que “no vindeiro ano teremos que completar o traballo que comezaremos neste 2014, xa que dixemos que esta obra se faría en dúas fases, e podo indicar que estamos en condicións de afirmar que así será”.
Igualmente, González Barcia indicou que “se levará a pleno unha modificación orzamentaria de cara a consignar cartos suficientes para levar a cabo un reasfaltado de tramos dalgunhas rúas. É certo que hai algunhas vías que teñen o firme en mal estado, e que polo tanto hai que actuar sobre elas. Nestes momentos, estamos estudando as prioridades, porque non podemos abordar de forma inmediata todas as necesidades. Durante a vindeira semana pecharemos as actuacións a facer e a partires de aí, anunciaremos cales son e comezaremos a traballar”. Neste caso, a modificación orzamentaria que se propón é de 10.000 euros.
Barcia engadiu que “a estas alturas do ano, este tipo de axustes presupostarios son normais, polo que non debe causar ningunha sorpresa. É máis, o feito de levalas a pleno supón un exercicio de transparencia e darlle a posibilidade á oposición para que plantexe alternativas, se é que realmente as ten”.