Foz, 4 de novembro de 2014. O Cenima de Foz acolleu este martes un encontro empresarial sobre internacionalización, evento no que participou o alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, quen considera que foi unha xuntanza interesante para firmas da Mariña.
O rexedor municipal explicou que “no día de hoxe tivemos no Cenima un encontro entre empresarios organizado por Igape, Círculo de Empresarios de Vigo e Confederación de Empresarios de Lugo. Foi unha xuntanza interesante, sobre todo para fomentar a internacionalización dos produtos galegos e mariñáns e as posibilidades e potencialidades que existen e que teñen noutros países e mercados “.
Javier Jorge Castiñeira subliñou que “o encontro foi moi positivo e interactuaron todos os participantes, tanto os relatores, moitos deles empresarios que viñeron aquí a amosar o seu exemplo de cómo internacionalizaron o seu propio produto, coma os propios empresarios locais de Foz e de toda A Mariña, que están a pedir que se lles explique cales son as facilidades que poñen as administracións ou cales son as canles para que un produto mariñán poida estar nun mercado internacional: europeo, americano ou asiático”.
Para o alcalde focense “son charlas moi produtivas, quedamos todos moi contentos. E o Cenima unha vez máis serviu para acoller este tipo de eventos e o Concello de Foz está encantado. Está no centro da Mariña e é importante porque é un nexo para todos os mariñáns. Neste caso valeu para que empresarios desta comarca con produtos que teñen potencial internacional debateran sobre as melloras que poden dar; e iso vai a favor do emprendemento e do traballo, da creación e da xeración de actividade e de emprego. Necesitamos a interacción entre as diferentes administracións, as asociacións de empresarios e os propios empresarios. Quero agradecerlle á Xunta de Galicia a súa confianza en Foz para facer este curso”.