Santiago de Compostela, 14 de novembro de 14. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, criticou hoxe o “abandono” e “lamentable desleixo” do goberno galego co colectivo dos mergulladores. Así o dixo logo de que o PP rexeitara unha iniciativa para recoñecer esta profesión e convocar a Comisión Galega de Mergullo Profesional, que non foi convocada nin unha sola vez dende a chegada de Feijóo ao goberno.
Val reclamáralle hoxe ao goberno galego o recoñecemento do colectivo de mergulladores profesionais dentro do réxime especial de traballadores do mar, así como as enfermidades profesionais. Sinalou que este colectivo, malia non ser aínda moi numeroso, si que “desempeña traballos moi importantes en tarefas de rescate, reparación naval ou obras hidráulicas”.
A practica totalidade do traballo que exerce este colectivo é desempregado no mar, e moitas veces “en condicións moi duras”. Por este motivo reclamaba a convocatoria da Comisión Galega de Mergullo Profesional para “traballar na mellora das relacións laborais e no establecemento dun convenio colectivo, así como na homologación e na mellora da formación profesional”.
Lembra que este órgano consultivo, regulado na orde de 23 de abril de 1999, non foi constituído ata a chegada do goberno socialista, en 2006, contando coa participación dos membros da Administración pesqueira galega, traballadores do mergullo profesional e do sector colleiteiro, integrantes de Promega e representantes dos principais sindicatos –UGT, CC.OO. e CIG-.
Sinalou que o obxectivo desta Comisión, ademais de asesorar ao Goberno, é o de tratar temas de interese para o sector, como a homologación das titulacións, os convenios colectivos, a formación e a posible integración do colectivo no réxime especial do mar.
Ademais é o órgano encargado de analizar a adaptación da normativa e a aplicación dos coeficientes redutores de idade a este colectivo ou o recoñecemento das enfermidades profesionais.