Manuel Román Ramos.- O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar o novo escudo e bandeira do Concello de Lourenzá.
Se por escudo entendemos un símbolo que identifica e singulariza un determinado territorio ou institución, parécenos que o novo emblema laurentino non cumpre o seu cometido. Máis aló de cuestións heráldicas, cremos que un escudo ten que enraizarse nunha tradición e nunha esencia identitaria.
En Lourenzá, dende hai moitos anos, séculos, existe un escudo, aínda que parece ser non oficializado burocráticamente, que nos representa. Numerosos documentos do século XVII e anteriores así nolo testemuñan. Distintas asociacións deportivas e culturais téñono como base dos seus estandartes. Incluso a Virxe de Valdeflores, patroa da parroquia de Vilanova, viste manto bordado co noso escudo tradicional. Ata se dás un garbeo pola rúas laurentinas ves nos sinais das entradas de carruaxes, nos coches municipais, na fonte da ra, nas portas acristaladas na biblioteca municipal… o vello símbolo da ponte baixo a coroa condal, signo perenne da antiga Vila da Ponte, nacida baixo a sombra protectora da fundación beneditina do conde Osorio Gutiérrez.
En que nos singulariza o novo escudo? O báculo abacial pode ser o único elemento a ter en conta. As vieiras, representativas do Camiño de Santiago, repitense en ducias e ducias de concellos que atravesan as distintas rutas xacobeas. As espigas, identificativas dun territorio agrícola, poden extrapolarse a case todos os concellos galegos. A coroa real, mentras que o país sexa unha monarquía, vale para todos.
En fin, cremos que os novos emblemas laurentinos son unha invención de laboratorio, feitos na capital, que á maioría da xente de Lourenzá nada di, que niguén entende e que nada representan.
MANUEL ROMÁN RAMOS