A Casa Museo Manuel María inaugura unha nova proposta de dinamización en Outeiro de Rei: concertos “íntimos” con carácter trimestral, un por cada estación do ano. Un pasiño máis para converter a Casa en espazo de acollida e proxección de todo tipo de iniciativas culturais arredor da figura do noso Poeta Nacional.
O primeiro destes concertos íntimos, que leva por nome “De corazón a corazón”, abre este ciclo o vindeiro venres 21 de novembro ás 21.00 horas con Uxía.
Este non será un concerto máis de Uxía, senón un concerto diferente, nun ambiente máis íntimo, nun espazo único, onde poderemos falar de Manuel María, escoitar ao poeta na voz de Uxía e mesmo conversar coa artista. A palleira da Casa de Hortas, hoxe transformada en auditorio, cremos que é un escenario que se presta para escenificar esa maxia.
Dado que o número de localidades é limitado, a Fundación prega que se reserven as entradas previamente. Pódese facer a través do teléfono 698 177 621 ou do enderezo electrónico fundacion@manuelmaria.com. O prezo da entrada son 5 €, que se pagarán na mesma Casa-Museo. Aquelas entradas reservadas que non se retiraren 20 minutos antes do inicio da actuación serán postas á venda.