Lugo, 17 de decembro de 2014.- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, o vicepresidente e o voceiro do colectivo, José Manuel Carballo e Fernando Rois, respectivamente, así como de medio cento de veciños e dos deputados de Economía, Pilar García Porto, e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos, presentou este mércores os primeiros 17 proxectos concretos que lanzará o organismo provincial froito das propostas que fixeron os veciños para os Orzamentos Participativos do 2015, os primeiros dunha Deputación en España.
Gómez Besteiro deu as grazas aos 55.000 lucenses que deron a súa opinión neste proceso e avanzou que todos e cada un deles recibirán nestes días a resposta a súa proposta de maneira personalizada e argumentada. O Presidente adiantou que o vindeiro ano a Deputación fará tamén orzamentos participativos.
Unha vez “estudadas todas as propostas e cando os técnicos avaliaron a súa viabilidade”, o Presidente avanzou que a Deputación “cumprirá co 90% das máis de 150 peticións concretas que nos fixeron os veciños”.
En emprego
No 2015 a Deputación dedica 6 millóns de euros para unha segunda edición do plan que vén de poñer en marcha. Será o BEN EMPREGADO! II.
En medio ambiente
No 2015 aumentan os investimentos un 43%, ata superar os 1,5 millóns de euros. A Deputación fará un estudo das alternativas a SOGAMA máis ecolóxicas e económicas; un estudo das vantaxes da biomasa forestal da provincia, unha alternativa económica que xera moitas expectativas entre os veciños; e un plan de repoboación con especies autóctonas. Continuará co cinto verde do Rato e impulsará novas áreas de lecer e rutas, como unha Ruta dos Muíños en Foz.
Coa Universidade
A Deputación asinará un convenio coa USC para ofrecer becas aos alumnos cos mellores expedientes do Campus lucense, tanto na Deputación, como noutros colectivos sen ánimo de lucro, e aproveitar así o seu talento. O investimento será duns 200.000 euros. O organismo duplica ademais os fondos para proxectos de investigación, ata superar os 300.000 euros.
No medio rural
Ademais de volver a convocar axudas para a recuperación de terras abandonadas, a Deputación sacará en xaneiro unha liña específica de subvencións para impulsar a pesca de baixura, a horticultura e a produción de viño. Reforzará a promoción dos produtos autóctonos para abrirlles novos mercados a nivel nacional e internacional, e organizará cursos de prevención de riscos laborais, sobre todo no rural.
En demografía
Estudará a creación con recursos propios dun banco de casas rurais deshabitadas para favorecer o asentamento de xente nova no campo.
En infraestruturas
Mellorará a estrada provincial A Fonsagrada-Navia; sinalizará a de Triacastela-Sarria; e arranxará o desnivel existente na LU-P-2704 ó seu paso por Láncara. Acometerá un embalsado e canalización de augas en Diomondi (O Saviñao); e avanzará nas expropiacións do acceso ao polígono de Cuíña, en Cervo.
No Plan de Infraestruturas Veciñais, dotado con 2,2 millóns de euros e que tamén sairá en xaneiro, incluirá subvencións para centros sociais e traídas de auga, actuacións moi solicitadas polos veciños.
Estas 17 actuacións súmanse ás 5 xa avanzadas nas estradas Momán-As Pontes e Friol-Parga ou na Fonsagrada coa construción dun campo de herba artificial. A Deputación xa acometeu melloras tamén na estrada de acceso ó Pazo de Tor e nun tramo da de Figueiras a Viloalle, en Mondoñedo.
Peticións á Xunta: Servizos para o HULA
En canto ás demandas veciñais que son competencia doutras administracións, suman máis de 50 e están dirixidas fundamentalmente á Xunta e ó Goberno central, segundo informou o Presidente. “Tal e como nos comprometemos, farémosllas chegar nestes días, pois, aínda que non teñen orzamentos participativos como a Deputación de Lugo, queremos que coñezan e teñan en conta as necesidades e demandas dos lucenses”, sinalou.
A principal petición dos veciños á Xunta é a dotación de Radioterapia, Medicina Nuclear e Hemodinámica no Hospital de Lugo, un servizos que o presidente comprometeu hai xa case catro anos e aínda seguen pendentes.
Os lucenses tamén demandan ao Goberno galego novas residencias para a terceira idade en Mondoñedo, Becerreá e en Lugo, comarca na que non se creou nin unha praza pública dende o ano 1977. Tamén lles preocupa moito a Lei de Montes; necesitan asesoramento e cren que non se adapta á realidade de Galicia. Piden a recuperación do vello Xeral, a promoción e mellora do Camiño de Santiago, o impulso da VAC Costa Norte e Sarria-Monforte, a Rolda Leste ou o Plan Paradai, máis medios para a prevención de incendios, mellora da internet no rural ou o impulso dunha planta de biomasa.
Outra das demandas máis repetidas, ata nunha vintena de ocasións, é a mellora e dotación de saneamentos. Aínda que se trata dunha competencia da Xunta e dos Concellos, a Deputación está disposta a colaborar economicamente con ambas administracións para dotar ao rural deste servizo básico.
A Deputación tamén tende a man á Xunta e aos Concellos para poñer en marcha unha entidade moi demandada: un ente provincial de turismo, no que estean presentes todas as administracións.
Peticións ao Goberno central: infraestruturas
Reclaman sobre todo a axilización de infraestruturas como a autovía Lugo-Ourense, a estación intermodal, o impulso das liñas de tren, ou a mellora da sinalización dos concellos na autovía do Cantábrico.
A Deputación fai realidade unha vella aspiración veciñal
Pola súa banda, o presidente da federación veciñal, Jesús Vázquez, asegurou que hoxe “é un gran día porque cristaliza unha vella aspiración do movemento veciñal pola que levabamos esperando 30 anos”. “Houbo tímidos intentos noutras administracións, pero nunca un orzamento participativo pleno como fixo a Deputación de Lugo”, sinalou Vázquez, quen felicitou a Gómez Besteiro polos orzamentos participativos, “unha iniciativa persoal do Presidente”.
Jesús Vázquez engadiu que, á vista dos froitos dos orzamentos participativos, “aqueles que dixeron que se vendía fume e que eran propaganda, deben rectificar, igual que os que din que a sociedade de Lugo non participa e que cando se lle dá a oportunidade de participar non o fai. Demostramos que non é así”. “Non queremos ser cidadáns que votan cada 4 anos, senón uns axentes activos que aportan e participan. O futuro pasa pola participación, e aquel político que non o vexa así, pagarao nas eleccións”, asegurou.
O presidente da federación veciñal instou neste senso a comezar antes coa elaboración dos orzamentos “para que as reunións non coincidan en pleno verán”.



















O xoves haberá unha gran sardiñada no Campo da Pascua e o venres dedicarase ao Día do Neno con atraccións a prezos populares. A organización corre a cargo da Comisión de Festas de San Xoán de Covas coa colaboración das administracións locais e autonómicas.
O lume iniciouse ás 14.51 horas do luns e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 15 brigadas, 16 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.



