Cervo, 5 de decembro de 2014- Esta semana deron comezo en Figuerido as obras de reparación e mellora da rede de saneamento. Uns traballos que inclúen diversas medidas, como o arranxo dos danos provocados polas crecidas do río Xunco, pero tamén a dotación de sistemas de protección para evitar que as enchentes volvan causar problemas na rede.
Polo tanto, un proxecto “completo y en profundidad” tal e como explica a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, que comprobou o inicio das obras xunto ao alcalde, Alfonso Villares, o edil de Zona Rural, José Ramón Soto e técnicos municipais. Un proxecto que ten un orzamento de 58.000 euros e que será financiado con fondos municipais, en concreto con cartos procedentes do remanente de tesourería, que só se pode destinar a investimentos que impliquen un aforro económico prolongado no tempo.
Ao mesmo tempo cabe destacar que o Concello dispón de remanente de tesourería debido a unha xestión “responsable” dos cartos municipais que permiten facer investimentos, coma neste caso, no saneamento, “un servicio que no se ve, pero que es muy importante para el bienestar de los vecinos y también para el cuidado del medio ambiente y nuestros recursos”, engade Alonso.
Soto asegura que “desta maneira, seguimos avanzando no obxectivo de dotar de servizos aos nosos veciños, e de estender a rede de saneamento por todo o municipio”.