Burela, 4 de decembro de 2014. O alcalde, José Mª González Barcia, valora de xeito positivo a visita cursada este xoves a Burela polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, polo respaldo que supón para o actividade que desenvolve o porto e para o peso que ten na economía.
O rexedor indicou que “o reforzo da escolleira do dique de abrigo cun orzamento duns 109.000 euros máis ive é un actuación importante, porque había danos ocasionados polos temporais dos pasados inverno e primavera. Esta actuación de Portos de Galicia ven demostrar, unha vez máis, o compromiso que dende este organismo da Xunta hai co porto de Burela”. González Barcia dixo que “aínda nunha situación económica complicada, como a actual, Portos de Galicia recoñece a capacidade do porto de Burela en canto a xeradora de actividade e polo tanto de riqueza económica e que é bo que esas actuacións se fagan”. E engadiu que “ao longo deste mes probablemente vaise adxudicar a prolongación do martelo que separa a zona comercial da pesqueira, cun orzamento de 483.000 euros. É unha actuación moi importante tamén, que ratifica o compromiso de Portos de Galicia con Burela”.
Xunta de seguridade local
O rexedor e o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron no Concello a reunión da xunta local de seguridade na que, segundo González Barcia, “se contrastou a boa colaboración existente entre as forzas e corpos de seguridade que traballan no noso concello e a Policía Local. Nese sentido quero agradecerlle á Policía Local e tamén a todo o persoal de Servizos Sociais do Concello o traballo que se está facendo no terreo da prevención e loita contra a violencia de xénero. Tamén hai que destacar o traballo que está facendo a Subdelegación do Goberno nos centros de ensino de Burela con charlas e actividades en distintos campos, como por exemplo na prevención do acoso a nenos”.
O alcalde burelés confía en que esta colaboración existente se manteña “e dende o Concello recoñecemos á Subdelegación do Goberno todo o interese que pon no noso municipio e tamén lle recoñecemos á Garda Civil e á Policía Autonómica o traballo que están facendo en colaboración coa Policía Local”.