O Salón de Plenos do Concello acolleu este venres a presentación do PROGRAMA DE ACTIVIDADES NADAL 2014-2015 e do CALENDARIO 2015 a cargo de José Demetrio Salgueiro, Alcalde de Xove e da Concelleira de Cultura, Dolores Meitín. Na presentación do Calendario tamén estiveron presentes algúns dos fotógrafos de Xove que participaron na elaboración do mesmo.
En colaboración coa Cruz Vermella, a OMIX de Xove recolle xoguetes ata o 16 de decembro. Así mesmo, recollen tapóns de plástico para colaborar coa Fundación Seur.
Xa o xoves 18 de decembro o pavillón polideportivo recibirá pola mañá ós Bolechas nun actividade organizada por Alcoa para os nenos e nenas de Xove e Cervo. O venres 19, Papá Noel visitará a Escola Infantil de Xove; mentres que o sábado 20 percorrerá as parroquias. Ás 19.00 horas inaugurarase o Belén Municipal no parque de Xove. E o domingo 21 haberá teatro no Centro Cívico a partir das 20.00 horas da mana da Fundación Eu Son que porá enrriba do escenario “Un día do revés”.
O luns 22 haberá xogos infantís para nenos e nenas de ata 4º de Primaria na aula multideportiva dende as 10.30 ás 11.30 horas. Posteriormente, ata as 12.30 horas haberá aerobic para os nenos dende 5º de Primaria ata a 4º da ESO. Os interesados deberán inscribirse no Concello antes do 18 de decembro. De igual xeito haberá que inscribirse ata esa data para os obradoiros de manualidades que se desenvolverán o martes 23 de 11.00 a 13.00 horas dirixido a rapaces e rapazas de 3º a 6º de Primaria.
O xoves 25 ás 17.00 horas haberá un espectáculo de animación “A Bailar” con chocolatada no pavillón municipal que rematará cun karaoke infantil. Pola súa banda, o venres 26 o artista local Xacio Baño presenta 4 curtas ás 19.00 horas no salón do Centro Cívico. E na OMIX, os rapaces e rapazas de entre 12 e 30 anos poderán participar -previa inscrición antes do 23 de decembro- nun torneo de tenis de mesa.
E de novo o karaoke será protagonista o sábado 27 no pavillón de deportes onde a partir das 21.30 horas se celebrará o IV Concurso de Karaoke. Os ensaios desenvolveranse entre as 17.00 e as 19.00 horas. As inscricións deben formalizarse na oficina de Cultura antes do 26 de decembro. O luns 29, repetiranse as actividades do luns 22 e o martes 30 haberá un taller de globoflexia na OMIX para rapaces e rapazas de 3º a 6º de Primaria de 11.00 a 13.00 previa inscrición no Concello ata o 18 de decembro. Tamén co mesmo horario se desenvolverá un obradoiro de manualidades o venres 2 de xaneiro dirixido ó mesmo público.
Día do Neno
O sábado 3 de xaneiro é o Día do Neno. Haberá xogos acuáticos na piscina municipal de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 19.30 horas. E no pavillón haberá inchables entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Cabalgata de Reis
O luns 5 de xaneiro a partir das 19.00 horas celebrarase a Cabalgata de Reis polas rúas de Xove. Á chegada ó Centro Cívico as Súas Maxestades adorarán ó neno Xesús e sacaranse fotos cos nenos. A xornada rematará no pavillón de deportes cunha festa infantil a partir das 20.00 horas animada por DJ Tapi-decibelios.
Curso “Música no Nadal”
A Escola Municipal de Música de Xove organiza a o curso “Música no Nadal” no colexio de Palmeiro entre o 21 e o 23 de decembro que rematará ás 20.00 horas no salón de actos do Centro Cívico co tradicional concerto de Nadal.
Fotografía Artística
A sala de exposicións do Centro Cívico acolle entre o venres 19 de decembro ata o luns 5 de xaneiro a exposición fotográfica de L. Cristian Carabali Ferigra que se poderá ver en horario de 17.00 a 21.00 horas.