Burela, 30 de decembro de 2014. Os orzamentos do Concello burelés para 2015 serán aprobados no mes de xaneiro, segundo ven de anunciar o alcalde, José Mª González Barcia. O presuposto, que baixará un pouco atendendo ao descenso que sufrirán algúns impostos a partir do vindeiro día 1, roldará os 6 millóns de euros.
O rexedor dixo que “os presupostos baixan precisamente atendendo á rebaixa de impostos que se vai aplicar con efecto do día 1 de xaneiro, pero en todo caso van ser uns orzamentos que cubrirán todas as necesidades existentes e non se vai producir ningún tipo de axuste adicional con respecto aos servizos que agora mesmo estamos prestando”.
González Barcia lembrou que “as taxas e prezos públicos que baixan son: o imposto sobre bens inmobles, coñecido como contribución, que pasa ao tipo mínimo permitido pola lei e que non se pode baixar máis, que é o 0,40 por cento; os prezos públicos de auga, lixo, vaos; o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, etcétera, baixan un 0,5 por cento. Non é unha gran baixada pero é moito mellor que baixen, aínda que se sexa pouco que non que suban”.
Segundo o alcalde “isto vai permitir aos cidadáns de Burela dispoñer de máis diñeiro para o que eles estimen oportuno, xa que estas baixadas en todos estes impostos van facilitar que as familias teñan máis diñeiro para as súas necesidades. Isto faise porque a economía local, con moitos sacrificios e esforzos, o permite. Se non fose así habería que pensalo moito antes de adoptar estas medidas”.
A baixada dos impostos e da contribución urbano do Concello burelés vai ser efectiva a partir do día 1 de xaneiro, “tendo en conta que non se presentaron alegacións ás modificacións das ordenanzas fiscais aprobadas no seu momento. Polo tanto esas modificacións son aprobadas con carácter definitivo”.
José Mª González Barcia subliñou que “Burela foi un dos primeiros Concellos en dar o paso de baixar os impostos. A situación económica do Concello está controlada, pero non está saneada, nin moito menos, polo que non podemos permitirnos alegrías”.