Chegados a fin do 2014, cómpre facer unha pequena reflexión en relación á actividade do Círculo
PODEMOS de Ribadeo.
Pequena, sobre todo, porque non se trata de facer un resume de todo un ano: levamos pouco máis de
catro meses en marcha. Comezamos abondo máis tarde de que tivera lugar o despegue de Podemos
nas eleccións europeas, e dende entón, estamos inmersos na transformación de Podemos nun
partido cunha estrutura capaz de impulsar á xente ó poder.
Reflexión porque é de xeito primeiro a nós mesmos a quen incumbe a valoración do noso traballo:
tamén dende Ribadeo estamos tentando colaborar, estudando e facendo nosos os documentos do
partido e asemade, colaborando a nivel individual noutras iniciativas que fan que o noso círculo
estea imbricado na sociedade e preparándose para participar de xeito máis directo. Polo momento,
non temos présa: preferimos responder con accións de calidade antes de lanzármonos dun xeito
rápido a poñer o noso gran de area na morea de cousas a solucionar nunha crise na que nos meteron.
Temos confianza no próximo ano que está a chegar. Non en que remate unha crise que para a
maioría continuará longo tempo como consecuencia da programación social imposta, senón en que
a sociedade confíe no noso xeito para lograr un cambio que enfronte os problemas da sociedade, os
nosos problemas, dun xeito diferente, contribuíndo entre todos a ter un futuro.
E temos confianza non por ser as nosas propias forzas, senón por ser as forzas de todos e buscar a
participación de todos. Queremos mellorar. Será así.