Cervo, 16 de decembro de 2014.- O Concello de Cervo volverá ofrecer os Enredos os días 22, 23, 29 e 30 de decembro en horario de mañá e na Casa do Mar. En concreto crearanse dous grupos, un para infantil de 11 a 12:30 e outro de primaria de 12:30 a 14 h. Un programa que pon en marcha a delegación de Educación durante os períodos de vacacións escolares a través dos Enredos de verán, de Semana Santa e neste caso, de Nadal.
O obxectivo é que “os nenos e nenas en idade escolar teñan opcións divertidas para ocupar o seu tempo”, asegura a edil de Educación, Pilar Armada. Nesta ocasión as actividades estarán centradas no Nadal, de forma que participarán en talleres de cociña (elaboración de galletas, decoración de cupcakes…) ou de manualidades.
Os Enredos son un programa dedicado especialmente ao público infantil “que levamos moitos anos ofrecendo e que se converteron nunha actividade habitual”, engade Armada. De feito, todos os anos teñen moita afluencia, igual que se prevé nesta edición, na que xa hai apuntados máis de 40 nenos, mentres o prazo segue aberto ata o mesmo día das actividades. De feito, a principios do mes de decembro xa se facilitaron as follas de inscrición nos colexios para procurar que a información chegue a todos os fogares con fillos.
Un programa que, ademais, ten unha función para as familias xa que busca contribuír e axudar a conciliar a vida laboral e familiar na época de vacacións. Sen esquecer a súa función social, xa que os nenos se xuntan por grupos de idade e colaboran os uns cos outros para levar a cabo as diferentes actividades.
Os Enredos funcionan de forma semellante a outros programas que ofrece o Concello ao longo do ano para os alumnos de infantil e primaria, como poden ser a Ocioteca ou o Taller de Teatro Infantil, actividades nas que se combina a aprendizaxe e a diversión a partes iguais.