Barreiros, 21 de xaneiro de 2015.- O alcalde, Alfonso Fuente, asegura que neste municipio se investirán ao longo dos vindeiros meses 1.400.000 euros en diversas melloras no abastecemento de auga e 200.000 euros no amaño de camiños. O rexedor denuncia, unha vez máis, que a Deputación ten abandonado a Barreiros. Deste xeito sae ao paso das críticas da oposición, que tras o pleno do luns dicían que o Concello non faría investimentos no 2015. Os orzamentos para este ano, que ascenden a 3,5 millóns de euros, foron aprobados na sesión plenaria do luns. Fuente Parga subliñou que “non haberá subida algunha de impostos neste 2015, que mentres sexa alcalde non se renunciará a ningún servizo prestado polo Concello, e que quen teña segunda residencia en Barreiros terá que pagar aquí os seus impostos”.
O rexedor rexeitou hoxe as críticas vertidas desde a oposición nas que acusan ao equipo de goberno de falla de investimentos neste 2015: “dísenos que non vai haber investimentos neste concello. Cando aprobamos o presuposto do ano 2014 xa facían a mesma crítica, que non se ían facer investimentos no concello de Barreiros, pero despois, ao longo do ano, quedou demostrado que en Barreiros se fixeron moitos investimentos: en San Cosme mellorouse o acceso á igrexa, hai unha obra en marcha na parroquia de Reinante, executáronse unha serie de investimentos en traídas de auga e en saneamentos que non estaban contemplados no presuposto porque foi a través da execución de avais dos promotores”. Alfonso Fuente subliñou que “para este ano 2015, e non está contemplado nos presupostos porque provén doutras partidas, pero parece que a oposición non se quere decatar, vamos sacar nestes días porque xa o aprobamos na última xunta de goberno e están solicitados os presupostos para unha obra de 200.000 euros para mellorar o abastecemento de auga; estase informando outro investimento no departamento de Urbanismo para sacar outra obra, de preto de 200.000 euros, tamén de abastecemento de auga; e, por outro lado, estamos agora mesmo pendentes de recibir un proxecto de Augas de Galicia co que este Concello vai licitar unha obra de 1 millón de euros. Non están recollidos estes investimentos, por un total de 1.400.000 euros, no presuposto porque se incorporarán cando saia ese concurso”.
O alcalde barreirense indicou que “tampouco vexo que a oposición diga nada doutro asunto: vamos sacar nestes días, pois xa están pedidas as ofertas ás empresas, 200.000 euros para a reparación de camiños e pistas municipais. E quero invitar ao Bloque Nacionalista Galego, que ten moito que dicir na Deputación porque o vicepresidente, que está aquí e alí, pero na Deputación co seu voto poderíanse arranxar todas as estradas provinciais que hai neste concello. Sorprendíame hai uns días cando o presidente da Deputación dicía que se repararan un montón de quilómetros da rede provincial de estradas, pero Barreiros tivo mala sorte porque nin un só metro cadrado de todos eses quilómetros que dixo o presidente foi nas estradas da Deputación que hai en Barreiros. É máis, hai pouco porque uns veciños da zona de San Xusto foron ameazados pola vixiante da Deputación, e tivo que ir o Concello cunha pala para limpar a cuneta da estrada provincial para que eses veciños non foran sancionados. Iso non o vexo por ningún lado nas notas que envían os da oposición, pero os veciños si o saben, son coñecedores diso e tamén saben que se van amañar as estradas, que se seguen prestando servizos e incluso mellorándoos, a pesar de que saímos dunha recesión importante. O único que boto en falta e lamento é que non se empecen a crear máis postos de traballo para eses rapaces que o están demandando”.
A oposición: de campaña electoral
Para Alfonso Fuente “parece que para a oposición xa empezou a campaña electoral, porque vexo como novamente intentan enganar aos veciños de Barreiros poñendo unhas cifras para o ano 2032, pero todo o mundo sabe que cando se ten que pagar unha hipoteca se botan os cálculos de canto se pagará e ao final evidentemente saen esas cifras. Eu teño claro que mentres sexa alcalde deste Concello non vou renunciar a ningún servizo: nin á gardería municipal, nin ao ximnasio, nin aos servizos sociais, sobre o que me sorprendía no pleno do luns cando o Bloque Nacionalista Galego dicía que había moito gasto de persoal, precisamente en servizos sociais, é dicir naquela xente que está prestando servizos día a día nas casas axudando aos maiores e aos dependentes nas súas tarefas. Resulta que lle parece excesivo o gasto de persoal nesa partida, coa cal entendemos que o Bloque Nacionalista Galego o que faría sería quitar ese persoal”.
Incidente deste martes
O alcalde lembrou que “precisamente onte mesmo aquí, en Barreiros, xurdía un accidente nunha casa, onde un matrimonio desgraciadamente tivo un accidente doméstico porque caeron, pasaron a noite así e pola mañá cando chegou a persoa de axuda a domicilio a esa casa viu que non lle abrían a porta; así saltou xa a alarma e chamouse aos bombeiros para abrir e poder atender a esas persoas maiores inmediatamente e levalas, como foi así, ao hospital de Burela. Isto é posible porque estas persoas están día a día nesas casas facendo esa labor e polo tanto mentres sexa alcalde, aínda que o Concello teña que endebedarse, farémolo para prestar ese servizo. Que non teña dúbidas ninguén”.
Impostos
Alfonso Fuente Parga engadiu: “por outro lado, din que se vai pagar a débeda cunha suba de impostos, pero o presuposto do ano 2015, e dígoo ben claro, non leva ningún incremento de impostos. O único que se produce é que aumenta a recadación, porque van pagar aquelas persoas que non o facían: había moitas segundas residencias que estaban sen dar de alta, o que vimos detectando dende hai un tempo e agora o Catastro fixo unha revisión; esas van empezar a pagar, porque evidentemente todo aquel que ten unha vivenda ten que pagar por ela o imposto de bens inmobles. Isto suporá un incremento na recadación de entre 200.000 e 300.000 euros anuais para o Concello por segundas residencias, na maioría dos casos, que non pagaban. E noutros casos foi xente que mellorou as súas vivendas, polo que teñen maior valor e iso vai repercutir tamén no imposto de bens inmobles. Iso todo o mundo o entende, pero parece que á oposición cústalle comprendelo ou quere enganar dicindo que se soben os impostos. Pero non se soben os impostos no ano 2015”. O rexedor dixo que “precisamente ese incremento de recadación é o que nos vai levar en vindeiros anos a unha rebaixa nos tipos impositivos, porque é unha frase que se ven recalcando no día a día que se pagamos todos pagamos menos. E eu, como alcalde, non vou consentir que ninguén veña aquí facer a súa segunda residencia e non pague o imposto de bens inmobles ou a auga ou o lixo. Aquela xente que decida ter aquí a súa segunda residencia vai pagar os impostos neste concello e precisamente iso vainos levar a que os que somos veciños de aquí poidamos ter unha rebaixa na carga impositiva”.




















Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
O sindicato denuncia a decisión unilateral da empresa de retirar días de descanso e implantar quendas que dificultan a conciliación. As concentracións serán nos centros de traballo de Foz (Uxío Novoneira s/n) e Ribadeo (Avda. Galicia 27). Lémbrase que non é unha folga e apélase á solidariedade da plantilla para defender as condicións laborais conquistadas.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.
Os servizos sanitarios trasladaron ao hospital a tres persoas implicadas nunha colisión frontal en Castro de Rei. Unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba. Contra as 11:15 horas deste martes, un particular informou ao 112 Galicia dun choque entre dous vehículos no quilómetro 71 da N-640, á altura da parroquia de Viladonga. Desde o punto, os alertadores sinalaron que unha persoa permanecía atrapada. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada. Os bombeiros liberaron á persoa, que foi trasladada xunto con outros dous feridos ao hospital en ambulancia.



