Burela, 5 de xaneiro de 2015. Portos de Galicia adxudicará nos próximos días, salvo imprevistos, as obras de prolongación do martelo que separa a zona comercial da pesqueira no porto de Burela, segundo anunciou hoxe o alcalde burelés, José María González Barcia, que cualificou a noticia como “un moi bo regalo de Reis”.
As obras, que contan cun presuposto de case 483.000 euros, consistirán na prolongación do martelo actual, de cincuenta metros, a vinte máis, coas mesmas características que presenta o xa existente, e o prazo de execución será de seis meses. Foron seis empresas as que presentaron ofertas para realizar estas obras que se adxudican a través dun procedemento aberto. As obras poderían comezar a finais de xaneiro ou xa en febreiro.
José María González Barcia recoñeceu e agradeceu “o esforzo que está a facer a Xunta que preside Alberto Núñez Feijoo con Burela, neste caso a través de Portos de Galicia, e a través dunha obra que mellorará a seguridade interior da dársena e que en todo momento foi consensuada co sector”.
Neste senso, Barcia lembrou que “hai un ano lle foron presentadas ao sector, á confraría de pescadores e ABSA, seis alternativas, en función dos estudios de vento e olas levados a cabo polos técnicos de Portos de Galicia. Posteriormente se arbitraron outras dúas alternativas máis, e nunha seguinte reunión se adoptou a decisión que agora comeza a plasmarse”.
O rexedor burelés manifestou que “unha vez máis, cumprimos os prazos que fomos dando, sempre da man de Portos de Galicia, e creo de xustiza resaltar o elevado nivel inversor que a Xunta está a facer no noso concello, xa que nestes momentos hai obras en execución ou próximas a iniciala cun importe total que rolda os dez millóns de euros”.
Finalmente González Barcia afirmou que “en 2015 redactarase tamén o proxecto construtivo da segunda parte da solución elixida para mellorar a seguridade interior do porto, que pasa pola construción dun martelo en diagonal que partiría da zona onde está ABSA en dirección ao martelo xa existente e que agora e vai prolongar; e confiamos que tamén en 2015 se inicien os trámites para a licitación, adxudicación e contratación desa obra”.