Ribadeo, 12 de xaneiro de 2014. Acisa fai unha valoración moi positiva da IV Festa do Comercio, que tivo lugar o pasado sábado e que, unha vez máis, abarrotou o Cine Teatro e a rúa San Roque. Centos de persoas seguiron con moita expectación o sorteo de 1.500 euros en vales de compra.
A tarde comezou cos discursos que pronunciaron o presidente de Acisa, Roberto Ramos, e o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor foi sorprendido momentos antes pola presenza dun simpático pequeno Nicolás, co que mantivo unha interesante conservación ante os presentes na que falaron do seu paso por Ribadeo. Desta forma Acisa quixo facer un guiño ao próximo carnaval. Roberto Ramos aproveitou a súa intervención para presentar á nova xerente de ACISA/CCA, Xana Arias, e para agradecer o traballo realizado durante seis anos á ex xerente, Beatriz Irigoyen, que recibiu un ramo de flores de mans de Manoli Torviso.
Calabash, grupo de percusión formado por alumn@s e ex alumn@s da Escola Municipal de Música de Ribadeo dirixido por Marcos Rodríguez, deleitou cos seus ritmos aos centos de asistentes á IV Festa do Comercio.
Coa axuda dunha man inocente, a de Brais, fóronse extraendo dunha urna os números das *papeletas premiadas. Juan Antonio Oliveros, posuidor do 58.413, recibiu 100 euros en vales de compra para gastar no comercio e na hostelería asociada ao longo das próximas semanas. A súa papeleta foille entregada en Pequerrechos. Mª Josefa Raño Franco, que tiña o 96.628, resultou agraciada con 200 euros en vales de compra. A súa papeleta obtívoa na barbaría Slaloms. Francisco García García, posuidor do 24.184, levouse 300 euros en vales de compra, grazas á papeleta que obtivo en Calzados A Moda. Para Sonia Meilán Vizoso, que tiña o número 8.440, foron os 400 euros en vales de compra que se puxeron en xogo no sorteo do sábado pasado. A súa papeleta foille entregada en Medias Tintas. E Jenny Cuevas Cuevas, posuidora do 19.348, foi a agraciada cos 500 euros en vales de compra da Festa do Comercio. A afortunada fíxose coa papeleta no mesón A Baixada do Oviedo.
Desde a directiva de Acisa agradecen “a afluencia masiva de asistentes ao sorteo e a implicación dos nosos asociados na festa, que fixeron que esta cita sexa, de novo, un éxito”. Dúas pantallas instaladas, unha no interior do Cine Teatro e outra no exterior, permitiron aos asistentes seguir ao detalle o que estaba ocorrendo dentro e fóra da instalación.