Viveiro, 21 de xaneiro 2015.- O Bloque Nacionalista Galego considera “unha simple capa de chapa e pintura” o anuncio de aparcamentos que onte fixeron membros do PP e do PSOE no muelle vello de Viveiro. O portavoz nacionalista, Bernardo Fraga, considera que se trata dun simple “parche de carácter electoral e de propaganda gratuíta” do Concello e a Xunta “facendo en 4 meses que quedan ata as eleccións un lavado de cara á zona para tapar o que non fixeron nestes catro anos”.
O portavoz do Bloque acusa á alcaldesa de “aliarse co candidato do PP para enganar aos viveirenses antes das eleccións” e de estar “ensaiando” unha “gran coalición entre o PP e o PSOE para despois das eleccións”. “Vendo as fotos de onte no muelle vello semella que o que PP e PSOE lles ofrecen aos cidadáns de Viveiro despois de maio é un goberno con María Loureiro de alcaldesa e Antonio Bouza de tenente alcalde, ou ao revés”, afirma Bernardo Fraga. “Nós ofrecemos unha alternativa, un modelo de concello, diferente para Viveiro” di.
O voceiro nacionalista acusa a Concello e Xunta de “non ter un proxecto de futuro para os terreos que ocupaban o muelle vello”. “O máis doado é tirar os galpóns e pintar unhas liñas no chan e que aparquen coches, pero nesa zona pódese facer moito máis, iso é desaproveitar un entorno privilexiado no centro de Viveiro, a carón da ponte e da ría”. Por iso, o BNG pide “compatibilizar o aparcamento con zonas para o disfrute dos veciños e veciñas”, polo que reclama unha vez máis “unha reforma integral da zona, que abra Viveiro ao mar, e que contemple a execución dunha obra integral no muelle, que supoña unha verdadeiro reforma para o futuro, e non un parche electoral”.
“Gran Coalición” PP-PSOE”
Bernardo Fraga considera “chamativa” a “alianza preelectoral” do PP e do PSOE en Viveiro e pregúntalles tanto á alcaldesa como ao candidato do PP “se a foto xuntos no muelle vello é o preámbulo para unha Gran Coalición despois das eleccións”. De xeito irónico, proponlles a Loureiro e a Bouza un “test de compatibilidade” preguntándolle á alcaldesa do PSOE se “avala os recortes en educación e sanidade que o PP está a levar a cabo dende a Xunta e o Goberno do Estado” e ao candidato do PP se se fai “corresponsable da parálise total co Concello de Viveiro nos últimos tempos”.