O Burela FS Pescados Rubén dá a benvida a 2015 este sábado 3 de xaneiro na pista do líder -actual campión de Liga e Copa de España-, Inter Movistar (Fundación Montemadrid, 18.00 horas), rival co que tamén quixo o destino que se mida na súa estrea da Copa de España de Cidade Real (12-15 de marzo).
Con 37 puntos e sen coñecer aínda a derrota, os interistas capitanean a clasificación, con 12 vitorias e 3 empates; tan só ElPozo Murcia (2-2, xornada 6), Marfil Santa Coloma (3-3, xornada 7) e Levante (2-2, xornada 14) foron capaces de arrebatarlles puntos. “Sabemos que é un rival moi complicado; non perdeu no que vai de tempada e está atravesando un momento excepcional. Con todo nós sairemos, coma sempre, a gañar; a clasificación para a Copa de España deunos moita confianza e esperemos que tamén nos axude cun empurrón para a segunda volta” explicaba o técnico burelista, Juanlu.
A expedición laranxa viaxou hoxe a Alcalá de Henares coa única baixa de Miguel; logo de case dous meses, Jorge Bellvert volve á convocatoria, recuperado xa da súa lesión. A última sesión da semana está prevista para esta tarde, a partir das 19.00 horas.
En Vista Alegre, o electrónico decantouse a favor dos madrileños por un axustado 0-1.
O partido poderase seguir en directo en www.futsala.com.
Convocatoria Inter Movistar: 1. Luis Amado, 4. Lolo, 7. Pola, 8. Rivillos, 10. Ricardinho, 11. Orzáez, 12. Borja, 14. Rafael, 17. Mel, 19. Cardinal, 20. David Pazos, 27. Herrero.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 3. Bellvert, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 10. Matamoros, 11.Chano, 13. Álex, 17. Carlitos, 23. Antoñito, 27. Renato, 29. Ángel, 30 Hélder.