Cervo, 4 de febreiro de 2015- O Concello de Cervo informou este mércores do estado das obras de renovación e remodelación do campo de fútbol da Veiga. Tal e como lle comunicou a empresa, neste momento os traballos están case finalizados, quedando pendente só a colocación do caucho, unhas tarefas que segundo explica a construtora só se poden facer con tempo seco, sendo necesario que haxa dous ou tres días sen chuvia.
Dende o Concello están en contacto continuado coa empresa, tanto para tratar de axiliza os traballos como para velar pola calidade das obras e poder dispoñer canto antes dun campo de fútbol moderno e o único na provincia con materiais de última xeración. Esta instalación poderase utilizar sen descanso xa que non se verá afectada polas chuvias ou a humidade, ao contrario do que está ocorrendo estes meses nos campos de herba natural.
Unhas obras que se están acometendo co único apoio do Concello de Cervo e os clubs de fútbol. Ademais, é o mesmo Concello o que está financiando este proxecto ao considerar que “é unha prioridade, unha aposta polo deporte de base e que traerá consigo unha maior actividade social e deportiva no municipio” asegura o edil de Deportes, Luis Guillén.