Lugo, 24 de febreiro de 2015. A Rede A Galiña Azul abre dende este martes o prazo para a presentación de solicitudes de praza para o curso 2015-2016. Para o vindeiro curso ofértanse na provincia de Lugo un total de 971 prazas.
O prazo para a presentación de solicitudes de renovación de praza ou de novo ingreso pecharase o 23 de marzo, as listas provisionais de admitidos publicaranse o día 5 de maio e as listas definitivas, o día 29 de maio. O prazo para formalizar a matrícula dos nenos e nenas admitidos será dende o 1 ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos. O curso comezará o 4 de setembro.
Como novidade, a delegada territorial, Raquel Arias, salientou que a partir do vindeiro mes de setembro incorporarase á rede autonómica A Galiña Azul a escola de Meira e que contará con 41 prazas.
Explicou asimesmo que nestes intres está en execución outra escola en Burela, que tamén disporá de 41 prazas, e que se está a planificar a posta en funcionamento doutra máis, en colaboración coa Fundación Amancio Ortega, neste caso en Lugo cidade.
Novidades no procedemento
Cabe salientar tamén algunhas novidades no procedemento de matrícula. Así, equipararase a situación laboral das familias monoparentais coas das familias nas que os cativos conviven cun só proxenitor. Neste caso, adxudícase a puntuación que corresponda como dous.
Outra novidade é que se terán en conta as variacións económicas na renda da unidade familiar ata o momento de presentación de solicitudes. Ata agora era necesario manter estas variacións durante un período de catro meses para ser valoradas. Grazas a esta modificación, as familias que vexan diminuídos os seus ingresos nun 20%, verán incrementada a súa puntuación para o acceso a unha praza e diminuída a cota mensual a aboar.
Tamén se mantén a situación prevista na orde do ano pasado de que as solicitudes presentadas fóra de prazo con xustificación se admitirán ata a data anterior á publicación da relación provisional de admitidos/as (5 de maio) co fin de concretar e unificar prazos en toda Galicia. Ao igual que o ano pasado, a documentación para optar a cheque infantil presentarase coa solicitudes de praza nas escolas, co obxectivo de axilizar a súa tramitación.