Lugo, 5 de febreiro de 2015.- O Grupo Provincial do Partido Popular rexistrou este xoves unha moción na que solicita que todas as embarcacións pesqueiras de artes menores podan optar ás axudas da Deputación para a frota de baixura.
Os populares explican que informacións feitas públicas recollen que estas axudas se restrinxirán a pesqueiros de menos de doce metros de eslora, o que provocaría que máis dunha decena de embarcacións non puideran pedir estas subvencións.
Dende a Deputación non desmentiron este dato o que está a provocar certa inseguridade e, tendo en conta que, polo momento, non foron publicadas as bases; os populares consideran necesario que se corrixa esta discriminación e que nas directrices que se suban ao Boletín Oficial da Provincia non se faga efectiva esta exclusión.
En concreto, a iniciativa dos populares insta á Deputación Provincial de Lugo a que articule unhas bases que contemplen que as axudas que vén de anunciar o organismo lucense para o sector pesqueiro se destinen a todas as embarcacións de artes menores, independentemente do seu tamaño.
Un sector prioritario para o GPP
Os populares reivindicaron en varias ocasións un maior protagonismo do sector pesqueiro no reparto de axudas por parte da Deputación de Lugo, tanto a través da presentación de iniciativas plenarias como de alegacións orzamentarias.
Por exemplo, o GPP solicitou que se corrixisen certas exclusións como que a administración provincial non concedese axuda á confraría de Foz, ou un incremento das achegas ao sector, ao ser unha actividade económica de gran importancia nos concellos costeiros.
Os populares lembran que a colaboración da Deputación segue a ser manifestamente insuficiente e non resiste comparación coas impulsadas por outros entes provinciais. A Deputación de Lugo tan só destina 21.000 euros en axudas directas ás confrarías lucenses –excluíndo ademais á Federación provincial- fronte aos 369.000 euros da deputación de Pontevedra ou os máis de 894.000 euros que dirixe a da Coruña a este colectivo. Aínda incrementando estes apoios ata os 150.000 euros que agora din comprometer, esta cifra estaría moi lonxe das axudas que, no seu conxunto, destinan no resto das deputacións galegas.
Os populares sempre reclamaron o incremento de axudas para o sector pesqueiro e defenderon calquera liña de colaboración que se axuste á normativa europea dirixida a colaborar cos traballadores do mar, entendendo que estará corroborado polo presidente da Deputación que as que vén de anunciar se adaptan á lexislación vixente, xa que é recomendable determinar que as axudas non son consideradas como axudas de Estado, a ollos da UE, xa que os seus obxectivos concordan cos dispostos nas que se apoian nos fondos da europeos de pesca.
O descoñecemento de Besteiro
O GPP lamentou que as declaracións do presidente da Deputación mostran o seu descoñecemento na área de pesca. O socialista asegura que serán beneficiarios aqueles que viven realmente da pesca, e cita 400, ao que os populares lle lembran que na provincia de Lugo hai 1550 persoas, entre tripulantes, mariscadoras e mariscadores, “que se dedican a esta profesión e que todos viven realmente da pesca”.
A maiores, os populares explícanlle a Besteiro que este plan non é pioneiro, xa que, por exemplo, a propia Xunta de Galicia concede axudas practicamente aos mesmos conceptos, podendo acceder as embarcacións de artes menores a todo tipo de achegas da administración autonómica.