Santiago, 04 de febreiro de 2015.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro defendeu a utilidade do plan de xestión do polbo posto en marcha pola Xunta de Galicia, en colaboración coas confrarías galegas, e lembrou que ten permitido na última campaña -segundo datos oficiais – incrementar tanto o número de capturas, como os prezos medios e o número de descargas.
Os populares non están de acordo con que o plan de xestión do polbo implantado obtivera uns malos resultados, como aseguran desde a oposición, polo que rexeitaron a iniciativa do PSOE para o seu cambio.
“Máis ben todo o contrario” e, lembrando os datos oficiais ofrecidos polo Servizo de Análise e Rexistros da Consellería, namentres na campaña de 2013-2014 se descargaron en lonxa 946.119 Kg de polbo, esta cifra aumentou na campaña de 2014-2015 ata o 1.258.675 Kg, o que supón un aumento do 33% con respecto ao ano anterior.
Tamén existiron cifras positivas en canto ao seu valor, pasando de 4.242.777 euros en 2013 aos 6.846.265 euros en 2014. “Por tanto, non é certo que se teña producido unha baixada de capturas e prezos, senón máis ben todo o contrario”- indicou Balseiro.
Balseiro lembrou que o plan de xestión se adoptou tras comprobar que a situación do cefalópodo non era satisfactoria dende o punto de vista biolóxico e da rendibilidade da pesqueira, e que se están cambiando esta tendencia.
Ademais salientou que o plan foi dialogado co sector a través de varias xuntanzas coas Federacións provinciais de confrarías e que as demandas fundamentadas foron aceptadas e incorporadas ao plan, que está sempre aberto a novas melloras.
FURTIVISMO
Os populares tamén defenderon o compromiso da Consellería do Medio Rural e do Mar coa loita contra o furtivismo e nese senso salientou que o incremento da vixilancia ten permitido aumentar o número de nasas incautadas e de aparello.
NÚMERO DE NASAS INCAUTADAS (pulpo, nécora e camarón)
– 11.859 no ano 2014
– 13.797 no ano 2013
APARELLOS TOTAL:
– 19.355 no ano 2014
– 20.852 no ano 2013