DURA LEX é o espectáculo teatral que o vindeiro sábado 7 de febreiro ás 20.30 horas será representado no Teatro Pastor Díaz de Viveiro pola compañía Volta e Dálle. O espectáculo propón unha crítica ao sistema xudicial vixente en clave de humor.
Escrita e dirixida por Carlos Santiago e protagonizada por Pepe Penabade, que encarna a un xuíz expulsado da maxistratura que presenta un invento para suplir os elementos “prescindíbeis” do aparello xudicial.
O xuiz Salomón da Silva convoca un acto promocional para presentar a DURA LEX PRO 1.0, a máquina de facer xustiza, un invento “chamado a revolucionar os sistemas democráticos e os non democráticos tamén” Entre as variadas prestacións do invento destaca a súa axilidade no procesamento de condutas delictivas, a súa economía de medios facilitada pola supresión de fiscais, avogados, procuradores e outros roles xurídicos, e a súa irreprochable imparcialidade mecánica. Ante a urxencia de reformas e recortes no eido xudicial, sancionada pola crise e a política gubernamental, o noso xuíz ofrece á sociedade a solución perfecta a todas as imperfeccións do sistema xudicial.
Carlos Santiago asina un texto acedo, no que se combinan as alusións á actualidade con reflexións máis filosóficas arredor do concepto de Xustiza e do papel dos membros do corpo xudicial. Comba Campoy apoiou na dirección e na produción deste monólogo, mentres que o atrezzo correo a cargo de Pancho Lapeña. Esta “máquina prodixiosa” será presentada o vindeiro sábado, 7 de febreiro, nunha función organizada polo Concello de Viveiro dentro da programación da Rede de Teatros e Auditorios da A.G.A.D.I.C.
Pepe Penabade (Cabanas, O Vicedo, Lugo)
Actor protagonista, foi un dos fundadores (en 1987) da compañía Os Quinquilláns, da que formou parte até 1999 e, un ano despois, deu en fundar Volta e Dálle, compañía que dirixe na actualidade, e na que participa como actor, e escenógrafo. Na súa nómina figuran espectáculos coma Furga Garabela!, Rodesindo da Barrosa, Salitre, Jalisia Mi Madriña! Pan, catro propostas arredor da malla, ou Menciñeiros, entre outros. Actualmente traballa tamén como actor na compañía Chévere no espectáculo Eurozone.
O cinema e a televisión contaron co seu traballo, entre outros en títulos coma: A Mariñeira, 23F, Chapapote, Maratón, Pepe O inglés, Padre Casares, Matalobos ou Serramoura.