O Observatorio da Mariña pola Igualdade súmase á iniciativa da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto e convoca para este luns 23 de febreiro, ás 20.00 horas, unha concentración na praza do Concello de Burela para amosar o seu rexeitamento contra os cambios propostos polo Goberno español na lei do aborto. Co lema “As mulleres decidimos, as menores tamén”, deféndese o dereito das mulleres de máis de 16 anos para decidiren sobre a súa vida e o seu corpo.
O pasado día 18 de febreiro, o Partido Popular presentou unha proposición de lei por vía urxente que contempla o cambio do artigo referido ao permiso paterno para os casos de aborto de mulleres de entre 16 e 18 anos, de xeito que antes de poderen interromper un embarazo non desexado, estas mulleres necesitarán obrigatoriamente o consentimento expreso da nai/pai ou representantes legais. De aprobarse esta reforma, que podería entrar en vigor en abril, existiría a posibilidade de que un pai ou nai puidese obrigar a unha muller de entre 16 e 18 anos a ter unha crianza non desexada.
A vía inusual utilizada polo Goberno para presentar esta reforma da lei do aborto, mediante a proposición de lei orgánica por parte do Partido Popular en lugar dunha proposta de lei ordinaria, permite saltar os trámites de informes do Consello Fiscal, o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Consello de Estado. A proposición de lei inclúe únicamente dous artigos: un para eliminar o precepto da actual lei de 2010 (que permite o aborto sen consentimento de menores de máis de 16 anos en casos excepcionais) e un artigo novo na Lei Báscia de Autonomía da Paciente, para facer obrigatoria esta autorización.
Cómpre lembrar que a maioría de idade sanitaria estabelécese nos 16 anos ou por emancipación, polo que a autorización paterna/materna non é necesaria para intervencións como a cirurxía plástica.