O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, supervisou este mércores na LU-P-1611 ao seu paso por Cospeito as actuacións de mellora que a institución leva a cabo na rede viaria provincial a través do Plan de Rebacheo, e que reforzan ás dos plans de Conservación e do Parque Móbil. Con estas tres programacións, son 115 operarios e 53 máquinas os que se atopan distribuídos na rede viaria máis extensa de España, acondicionando os máis de 4.200 quilómetros que a compoñen e que discorren polos 67 Concellos da provincia.
Martínez explicou que, aproveitando as boas condicións climatolóxicas, a Deputación puxo en marcha nos pasados días o Plan de Rebacheo. Consiste no acondicionamento con rego asfáltico de todos e cada un dos puntos quilométricos de estradas provinciais que o necesiten. Polo tanto, supervisarase o 100% da rede viaria provincial, que se divide en 8 zonas e que integran os 67 Concellos lugueses. O plan arrancou en vías de Cospeito, Cervo e Riotorto, municipios das zonas 1, 2 e 3. Rematas as actuacións nos 33 Concellos que forman parte destas zonas, os traballos continuarán nas restantes 5 zonas e 34 municipios.
Encárganse da execución do Plan de Rebacheo 32 operarios e 16 máquinas. Simultaneamente, realizan máis melloras na rede viaria provincial 48 operarios e 12 máquinas a través do Plan de Conservación; así como outros 35 operarios e 25 máquinas do Parque Móbil Provincial. Compoñen un dispositivo de 115 traballadores e 53 vehículos.
11,5 millóns de euros
O Plan de Rebacheo faise con cargo á partida de 11,5 millóns de euros do Presuposto de 2015 para infraestruturas. Ademais desta programación, con este orzamento finánciase o Plan de Conservación; o Plan de Obras e Servizos (POS), que a Deputación pasou a financiar nun 65% posto que o Goberno Central suprimiu a súa achega; o Plan de Infraestruturas Veciñais ou o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM), programa europeo que a Deputación de Lugo pasou o financiar nun 11% mentres a Xunta aporta o 2%.
Melloras executadas
O actual Goberno provincial triplicou o número de quilómetros con aglomerado en quente, facendo un esforzo inversor de 70 millóns de euros, e hoxe son 1.000 os quilómetros que contan con este material. Ademais de aglomerar, o Executivo de Gómez Besteiro acometeu dende a súa chegada á Deputación outras importantes melloras nas estradas da súa competencia, como o 1º Plan de Sinalización de toda a rede viaria provincial. Outros exemplo son:
– Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).
– Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.
– Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.
– Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.
– Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.
Zonas da rede viaria
Para acadar un servizo máis centralizado e eficaz, a Deputación ten distribuída a rede provincial en 8 zonas, nas que se irá actuando en todas co Plan de Rebacheo.
– Zona 1: 530 quilómetros de vías nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 2: 618 quilómetros nos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
– Zona 3: 668 quilómetros nos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
– Zona 4: 680 quilómetros nos Concellos de Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
– Zona 5: 332 quilómetros nos Concellos de Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 6: 334 quilómetros nos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 7: 313 quilómetros nos Concellos de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
– Zona 8: 738 quilómetros nos Concellos de Bóveda, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.





















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



