As axudas aportadas polas administracións gobernadas polo Bloque Nacionalista Galego ao Concello de Xove no eido dos servizos sociais, e mais ás diferentes asociacións culturais e clubes deportivos para o desenvolvemento das súas actividades, están aí aínda que o PP o negue tres veces como tamén fixera San Pedro.
Desde o BNG pensamos que os populares cometen un erro de libro na interpretación que desde o goberno municipal fan do noso topónimo, apoderándose de todo o que ten a ver co noso concello e confundindo adrede “Xove” con “goberno do Partido Popular”.
No Bloque insistimos en que no noso municipio se fan moitas cousas nas que non participa o goberno local, ou participa de forma anecdótica. Incluso existen actividades que se organizan a nivel particular, ou que realizan as pequenas e medianas empresas, ou tarefas que se coordinan desde as obras sociais de diferentes entidades. Son moitos máis os que participan desde fóra de xeito altruísta e, incluso, poñendo cartos do seu propio peto.
As asociacións e clubes deportivos, e a sociedade xovense en xeral, actúan con independencia, saíndo adiante grazas ao traballo desinteresado dos veciños e co lóxico apoio das diferentes administracións públicas. Estas entidades non son propiedade de ningún goberno: son patrimonio de toda a sociedade. E en Xove estamos moi orgullosos de todas elas.
Marco López