Ribadeo, 14 de maio de 2015. A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, asegurou este xoves que o concurso gastronómico Ribadeo de tapeo está a ter unha boa participación e anima á xente a que se achegue á localidade e ás parroquias ata o vindeiro domingo para gozar das preparacións realizadas polos 51 locais participantes.
A edil nacionalista subliñou a boa participación: “son moitas as tapas que se levan consumido e supoño que nos días que restan a xente seguirá achegándose a Ribadeo para gozar deste evento. Ao mesmo tempo é un bo momento para percorrer o noso concello polas diferentes rúas, conversando e gozando non só da riqueza gastronómica senón tamén da súa historia. Onte mesmo puidemos gozar dentro desta edición do Ribadeo de Tapeo dunha exitosa visita guiada polo casco histórico de Ribadeo, descubrindo un Ribadeo esquecido ou descoñecido para moita xente”.
Ana Martínez dixo que “aínda son moitas as actividades que ata o domingo se poden gozar xunto coas tapas. Polo tanto quero convidar á xente á que se achegue a Ribadeo nesta fin de semana para compartir e gozar este décimo Ribadeo de Tapeo, que ademais conta con numerosos premios para o público, para a xente que se decide a percorrer as rúas e probar as tapas, doados por varios establecementos participantes que quero nomear e agradecerlles a súa colaboración: Casa Pepe, que aínda que por un erro non aparece no libro colabora tamén, cunha cea para dúas persoas; O Lar de Manolo, Costa Verde, o entro de estética Coida de Ti, Galipizza, De boca en boca, Asociación de Praceiros e Praceiras, Taberna de Lola, A Mirandilla, Hola Ola, La Quinta; e ademais dous establecementos de turismo rural da Ruta do viño do Ribeiro, en Ribadavia, con dúas estancias, que son o Pazo Carballo e As Casiñas”.
A concelleira de Desenvolvemento Local engadiu que “tamén como este ano decidimos indicar as tapas que podían ser consumidas por celíacos quero agradecer a Asociación Galega de Celíacos a súa colaboración na elaboración das tapas. E tamén ás deseñadoras locais de MandaRita, así como aos membros do xurado que estes días están a percorrer os 51 establecementos que forman parte deste Ribadeo de Tapeo para facer a preselección para que o próximo sábado se realice a selección definitiva dos establecementos gañadores”.
E invitou “a utilizar a aplicación móbil de Ribadeo Gastronómico ou Ribadeo de Tapeo, xa que polas dúas se pode acceder. E só me queda aos que aínda non se achegaron a Ribadeo convidalos a facelo vindo esta fin de semana para converter a Ribadeo nun punto de encontro para tapear e para gozar da nosa vila e de todo o concello”.
O sábado pola mañá, ás 11:30 horas, haberá un obradoiro de repostería creativa na praza de abastos a cargo do establecemento De boca en boca, dirixido aos máis pequenos. E o domingo ás 12:00 horas pasarrúas a cargo do Cuarteto Tradicional Illa Pancha.




















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



